Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 9 Xullo 2025.

A Federación de Industria volve elixir a Nicolás Pato como secretario xeral

    A Federación de Industria de CCOO de Galicia celebrou na Coruña, os días 28 e 29 de novembro, o seu 1.º Congreso. O máximo órgano da federación volveu elixir a Nicolás Pato Pérez como secretario xeral, único candidato que se presentou. Para a Comisión Executiva tamén houbo unha única lista.

    30/11/2012.

    Daquela, xunto a Pato estarán á fronte da Federación de Industria as seguintes persoas: Francisco José Gayoso Rivera, Ana Isabel Alonso Lago, Lázaro Fernández López, Celso Carnero Ferreiro, José Hurtado Amador, Pedro Comesaña Nandín, Antonio Fernández Vidal, Manuel Luís Piñeiro Iglesias, María Isabel Gómez González e Cristóbal Manuel Álvarez Quirós.

    As delegadas e delegados que participaron no conclave, procedentes dos sectores da minaría, enerxía e metalurxia de toda Galicia, aprobaron por maioría o informe xeral da Comisión Executiva saínte, referendando así o traballo realizado nos últimos catro anos.

    Así mesmo, debatéronse as propostas de relatorios e estatutos da Confederación Sindical de CCOO, da Federación Estatal de Industria de CCOO e do Sindicato Nacional de CCOO de Galicia, así como as emendas formuladas aos textos.

    Por último, aprobáronse por unanimidade dúas resolucións: unha, sobre o impacto da crise na situación das mulleres, a outra, sobre a industria e a súa relevancia na reactivación económica.

    Intervención do secretario xeral

    Na clausura do Congreso, Pato reafirmou a importancia de seguir «traballando arreo» nos difíciles tempos en que nos atopamos, para chegar a cada vez máis traballadores e traballadoras que necesitan da actividade e da protección dos sindicatos, cuxo labor mellora as condicións de vida e de traballo da cidadanía. Tivo un especial recoñecemento para aqueles compañeiros e compañeiras que deixaban a súa actividade sindical por distintos motivos.