Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 20 Maio 2025.

Luz López Pérez elixida nova secretaria xeral da Federación de Ensino de CCOO de Galicia

    A Federación do Ensino de CCOO celebrou o seu IX Congreso esta fin de semana nas instalacións do MUPEGA, en Santiago de Compostela, baixo o lema «Recuperar dereitos para unha educación equitativa e de calidade», o que foi aproveitado para analizar as liñas de acción da Federación nos vindeiros catro anos e a maneira de afrontar os retos que se aveciñan neste panorama convulso no eido da educación, inmerso nas políticas de recortes dos gobernos do Partido Popular e cun anteproxecto de lei de reforma educativa de marcado carácter ideolóxico.

    03/12/2012.
    Luz López, secretaria xeral de CCOO-Ensino

    Luz López, secretaria xeral de CCOO-Ensino

    CCOO-Ensino afronta o reto de continuar sendo un referente na política educativa do noso país, de xestionar un discurso educativo que estea dirixido a todos os traballadores e traballadoras e que implique a todos os estamentos da comunidade educativa e a sociedade en xeral, pois sen esta non hai saída a esta situación de cambio ideolóxico que pretende acabar co modelo europeo de sociedade, tal e como o coñecemos.

    Así mesmo, a organización renovou neste Congreso as estruturas da Federación, resultando elixida como nova secretaria xeral Luz López Pérez, anteriormente secretaria xeral do Sindicato Comarcal de Ensino de Vigo. Xunta ela formarán parte da nova Comisión Executiva de CCOO-Ensino a anterior secretaria xeral, Machús Fernández, así como Verísimo Pazos, José Fuentes, Adolfo Gil, Purificación Bernárdez, María Burke, María José García e Anxo Muñiz.

    Nesta cita congresual aprobáronse resolucións en contra do Anteproxecto de lei da LOMCE: a esixencia da súa retirada e a apertura dun debate sosegado sobre o modelo educativo; sobre o uso do galego no ensino non universitario, instando a Consellería a que retire o decreto do plurilingüismo e volva ao consenso da Lei de normalización lingüística; sobre o Día Mundial da SIDA, coa denuncia dos recortes nas políticas de prevención e información sobre a enfermidade e sobre a situación dos delegados sindicais condenados na cidade de Pontevedra pola súa actividade sindical.

    CCOO-Ensino considera que vivimos tempos difíciles para o labor sindical, pero os retos que asume a nova secretaria xeral e a nova Comisión Executiva van supor un paso adiante para evitar as situacións de desigualdade que poden carrexar as políticas regresivas.