Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 18 Abril 2024.

Continúa o conflito laboral nos autobuses urbanos de Ourense

  • Tras dúas semanas de paros, prevén convocar folga indefinida a partir do 15 de xaneiro

11/01/2021.
Autobús fóra de servizo durante a folga do transporte urbano de Ourense

Autobús fóra de servizo durante a folga do transporte urbano de Ourense

Continúa o conflito laboral no transporte urbano de Ourense, que acumula xa case dúas semanas de paros de seis horas diarias, en franxas de 8:00 a 10:00 horas, de 13:00 a 15:00 e de 19:00 a 21:00 horas. Se non se producen avances suficientes na negociación do convenio, haberá folga indefinida a partir do 15 de xaneiro, advirte CCOO.

Desde Comisións Obreiras lembran que a concesión dos autobuses ourensáns é unha das máis importantes no concello, tanto pola súa contía económica como polo número de persoas usuarias. O comité de empresa pídelle desculpas á cidadanía polos inconvenientes que poidan ocasionar os paros, pero «sentimos que temos o seu apoio ante as nosas reivindicacións».

Segundo CCOO, o Grupo Avanza, maioritario na empresa Urbanos de Ourense, S. L., «ten a chave para desbloquear a negociación e permitir a volta á normalidade». Non obstante, o sindicato tamén interpela o Concello, xa que «a situación de precariedade da propia concesión salpica a negociación e sería de esperar unha intervención municipal no conflito».

Situación da concesionaria

A concesionaria do servizo é, desde o ano 2005, Urbanos de Ourense, S. L., participada maioritariamente polo Grupo Avanza. A empresa consta de 117 traballadores e traballadores, dos cales a maioría —90— son condutores e condutoras; o resto do persoal está nos talleres ou realiza labores administrativos.