Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 28 Marzo 2024.

Resposta sindical unitaria contra a represión en Alu Ibérica

    Unha masiva manifestación percorreu este sábado o centro da Coruña para denunciar a «violencia empresarial» por parte da dirección de Alu Ibérica e esixir unha solución industrial que garanta os postos de traballo na antiga Alcoa. A marcha, convocada unitariamente por CCOO, UGT e CIG, partiu da Delegación do Goberno e rematou na praza de María Pita.

    27/03/2021.

    URL | Código para insertar

    A manifestación encabezárona os secretarios xerais de CCOO, UGT e CIG, Ramón Sarmiento, José Antonio Gómez e Paulo Carril, respectivamente; o presidente do comité de empresa de Alu Ibérica, Juan Carlos López Corbacho (CCOO), despedido pola empresa; e os secretarios confederais de CCOO e UGT, Unai Sordo e Pepe Álvarez.

    Unai Sordo salientou a necesidade de «acabar coa represión sindical» nun país «no que máis de trescentos sindicalistas foron imputados na última década». Tamén esixiu que España promova unha «forte política industrial» e considerou que os fondos europeos son unha «magnífica oportunidade».

    Por este motivo, o secretario confederal de CCOO pediu a «implicación» do Goberno de España e da Xunta para garantir o emprego industrial e vinculou este conflito coa reforma laboral, «absolutamente perversa», que esixiu corrixir se o Executivo estatal non quere un «conflito coas organizacións sindicais».

    Ao remate da manifestación, Ramón Sarmiento sinalou que vivimos un momento histórico en que o poder e a riqueza «están máis concentrados ca nunca e dispoñen de máis medios» ca nunca.

    Por esta razón, «debemos optar por participar do conflito entre capital e traballo», disputa na que «esiximos contar coa participación efectiva das nosas Administracións», incidiu o secretario xeral de CCOO.

    «É inconcibible que, ante os últimos episodios acontecidos na factoría, a ministra de Industria rexeite manter unha xuntanza coas organizacións sindicais», criticou Sarmiento, ao tempo que esixiu «loitar» e «dar resposta» ante cada inxustiza.