Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 28 Marzo 2024.

Fraccionamento extraordinario do pagamento do IRPF en caso de ERTE

  • O BOE do 7 de abril de 2021 publica a Orde HAC/320/2021 que regula esta posibilidade

O Boletín Oficial del Estado (BOE) do 7 de abril publica a Orde HAC/320/2021 que regula o fraccionamento extraordinario do pagamento do IRPF en caso de ERTE. Establécese un prazo de fraccionamento extraordinario para as persoas beneficiarias de prestacións derivadas dun ERTE.

15/04/2021.
Foto: kschneider2991 (Pixabay)

Foto: kschneider2991 (Pixabay)

A orde fai especial fincapé en que a utilización desta vía para o fraccionamento é incompatible co fraccionamento propio do imposto, recollido no artigo 62.2 do IRPF, ou co réxime de adiamentos xeral, recollido no artigo 65 da LGT.

Desta maneira, as persoas contribuíntes afectadas poderán fraccionar en seis pagamentos o importe para ingresar derivado da presentación do imposto. Os vencementos serán periódicos, no día 20 de cada mes, entre o 20 de xullo e o 20 de decembro deste ano.

Deben cumprirse os seguintes requisitos para a súa aplicación:

  • Que quen o solicita, ou calquera membro da unidade familiar en caso de tributación conxunta, estivese incluído nun ERTE durante o ano 2020, sendo perceptor nese exercicio das correspondentes prestacións.
  • Que non exceda de 30 000 euros o importe en conxunto que estea pendente de pagamento para quen o solicita, tanto en período voluntario como en período executivo, das débedas de dereito público xestionadas pola Axencia Estatal de Administración Tributaria e polos órganos ou organismos da Facenda Pública Estatal.
  • A declaración do IRPF hase presentar dentro do prazo voluntario de autoliquidación e ingreso, sen que poida fraccionarse o ingreso derivado de autoliquidacións complementarias presentadas con posterioridade ao 30 de xuño de 2021 —ou día inmediato hábil posterior, para o caso de ser inhábil.