Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 27 Abril 2024.

Representación de CCOO no evento 'Con voz de mujer', organizado pola Cadena SER

  • Retransmisión mañá venres, 16 de abril, a partir das 09:30 horas

O Sindicato Nacional de CCOO de Galicia estará representado pola secretaria de Emprego, Maica Bouza, no foro 'Con voz de mujer', organizado pola Cadena SER. O evento emitirase en directo mañá venres, 16 de abril, a partir das 09:30 horas.

15/04/2021.
Cartel promocional do evento 'Con voz de mujer'

Cartel promocional do evento 'Con voz de mujer'

A Cadena SER organiza mañá venres, 16 de abril, o foro 'Con Voz de Mujer', un espazo de comunicación para mulleres de todos os ámbitos da vida. O foro, que se celebrará no Palacio de Congresos de Santiago de Compostela, estará moderado pola xornalista Macarena Berlín e contará con dúas presentacións, unha da escritora Espido Freire, e outra da fiscal especializada en violencia de xénero Pilar Fernández.

A seguir, unha charla con mulleres que abriron o seu camiño en profesións tradicionalmente ocupadas por homes, coa tenenta coronela do exército terrestre, Cristina Larriba, dúas estudantes de FP de carrozarías e construcións metálicas, e a decana da Facultade de Matemáticas da USC, Elena Vázquez Cendón. Posteriormente, Berlín conversará coa xornalista e escritora Valeria Vegas.

Despois, coloquio sobre a situación das mulleres na sociedade actual e os micromachismos, no que participará o profesor da USC e secretario do centro de estudos feministas da universidade, Jorge Marín, autor de varios libros sobre feminismo e novas masculinidades; a presidenta da Comisión de Igualdade no Congreso, Pilar Cancela; Rosa Gómez, presidenta de Teenses pola Igualdade, e unha moza activista, María Araújo.

Na conferencia tamén se abordará a fenda salarial e o teito de cristal, nunha mesa na que participarán a deseñadora Tiziana Domínguez, a cociñeira Lucía Freitas, a concelleira de Políticas Sociais do Concello de Santiago, Mila Castro, e Maica Bouza, secretaria de Emprego de CCOO.

A vicepresidenta do Goberno, Carmen Calvo, pechará a conferencia despois dunha mañá de intenso debate en mesas redondas e presentacións co obxectivo de inspirar tanto a mulleres como a homes, mozos, institucións e empresas.

Retransmisión a través da web

Desde a Cadena SER afirman que se tratará dun día «para compartir, reflexionar e tomar conciencia dos retos que aínda quedan por acadar». O evento poderase seguir a través da web de Radio Galicia-Cadena SER.