/Manifestación en Pontevedra polo futuro de Ence (16/7/2021)
Na marcha, a Comisión Executiva Nacional de CCOO estivo representada pola secretaria de Organización, Leila Piñeiro, e polo secretario de Acción Sindical, Armando Iglesias, xunto cos principais cadros sindicais de CCOO na comarca de Pontevedra.
Ao longo do percorrido escoitáronse mensaxes como «queremos traballar e non esmolar» ou «Ence si, paro non», e víronse pancartas con lemas alusivos ao impacto económico na comarca, como «a madeira é o pan dos nosos fillos». Precisamente, o sector forestal galego estivo amplamente representado na manifestación.
A sección sindical de CCOO alerta de que a desaparición de Ence en Lourizán afectaría tanto aos traballadores e traballadoras da planta como das empresas auxiliares, transportistas, empresas de subministracións e persoal do sector forestal.
As repercusións atanguerían, tamén, a todo o sector dos servizos da comarca de Pontevedra: hostalaría, comercio, actividades profesionais de xestión, empresas de lecer, etc. A perda desta actividade económica provocaría unha profunda crise, coa perda de miles de postos de traballo directos e indirectos.
Desde CCOO conclúen que a actividade industrial é sostible e, polo tanto, a súa riqueza é «perfectamente compatible» co respecto e o coidado do medio ambiente, así como coas actividades relacionadas co mar.
«Non somos só as máis de 5000 familias que vemos gravemente ameazada a nosa forma de vida e o noso sustento, senón tamén unha cidade e unha comarca que dificilmente poderían repoñerse dun golpe como o peche da súa principal industria», sinalou Ana Cedeira ao remate da mobilización.