Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 4 Xullo 2025.

O comité de Endesa denuncia o desmantelamento encuberto da térmica das Pontes

  • Coidan unha «total irresponsabilidade» acometer unha restruturación do cadro de persoal sen ter aprobada unha «transición xusta»

O comité de Endesa denuncia o «desmantelamento encuberto» que a multinacional eléctrica está a acometer na central térmica das Pontes. No que vai de ano estase a producir unha «redución progresiva», tanto do persoal propio como das compañías auxiliares. Estas actuacións implicaron traslados ou despedimentos, sinalan.

25/08/2021.
Acampada do persoal das auxiliares de Endesa no parque municipal das Pontes

Acampada do persoal das auxiliares de Endesa no parque municipal das Pontes

Este mes de agosto xa estaba programada a saída doutro importante número de traballadores que, segundo a propia empresa recoñeceu, son parte do seu «maior activo». O comité fai fincapé no «trato inadecuado» que o persoal da eléctrica está a recibir «nun momento tan complexo e delicado».

A representación legal dos traballadores e das traballadoras critica a «total falta de empatía» e o «desdén», tanto por parte da empresa principal como das compañías auxiliares e das Administracións públicas implicadas no proceso, «que se afanaron moito máis na propaganda dunha mal chamada transición enerxética xusta que non é tal», censuran.

CCOO mantén que unha transición «non pode ser xusta cando destrúe empregos e o modo de vida de toda unha comarca sen alternativas serias», e non é transición «se camiña cara a ningures». O sindicato lamenta, ademais, que se desmantelaron «anticipadamente» centrais eléctricas, sen alternativas renovables, «coas consecuencias que xa todos coñecemos na alza imparable do prezo da luz que recae sobre empresas e familias, condicionando a boa marcha da economía».

Posibles riscos

Canto aos desprazamentos programados para este mes de agosto, o comité denuncia que non recibiu información «axeitada» por parte da empresa, o que consideran «un exercicio de total e absoluta irresponsabilidade», por estar decidida malia que a central das Pontes aínda está dispoñible e sen un peche aprobado. Non descartan que en determinados momentos, e dada a escaseza de persoal, isto poida derivar «en riscos para a seguridade ou o medio ambiente».

Alternativas

Por último, desde o comité de Endesa-As Pontes manifestan o seu apoio aos proxectos alternativos para o emprego que a empresa presente na comarca de Ferrol, que deben ir acompañados dunha transición «verdadeiramente xusta» para todos os colectivos: persoal propio, auxiliares e transportistas.