Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 29 Marzo 2024.

O persoal de Universal Support mobilízase contra os traslados

  • A empresa pretende obrigar a 81 persoas que traballan na Coruña a facelo desde Bergondo

O comité de empresa de Universal Support (grupo Konecta), que se dedica ao sector dos centros de chamadas, convocou esta semana dúas xornadas de mobilización, o luns día 20 e hoxe mesmo, xoves 23. O obxectivo, rexeitar o traslado de 81 traballadores e traballadoras da Coruña a Bergondo.

23/09/2021.
Concentración do persoal de Universal Support (23/9/2021)

Concentración do persoal de Universal Support (23/9/2021)

As concentracións do luns tiveron lugar en horario de 10 a 12 horas e de 15 a 17 horas diante do centro de traballo actual, no polígono coruñés de Pocomaco. Hoxe repítense as mobilizacións no mesmo horario, pero diante das instalacións de Konecta no polígono de Bergondo (rúa Parroquia de Rois, n.º 188).

O persoal afectado polo traslado está adscrito ao servizo que Universal Support presta para Pull&Bear (Inditex). Xa o pasado xuño, a empresa notificáralle ao persoal que estaba teletraballando a súa intención de recuperar a presencialidade, pero en Bergondo. Naquela ocasión, a sección sindical de CCOO e do comité de empresa presionaron e evitaron que se desprazase as traballadoras e traballadores.

Tras uns meses de calma, a empresa recupera a idea. Desde CCOO sinalan que o cambio de centro de traballo supón un «trastorno importante», xa que entre o centro de traballo actual e o novo hai máis de vinte quilómetros. Nalgúns casos, isto obrigaría a algunhas das persoas afectadas a abandonar o posto de traballo por careceren dunha combinación de transporte público.

A sección sindical de CCOO rexeita enerxicamente este cambio de centro de traballo, «máis aínda tendo en conta que, desde o inicio da pandemia, se teletraballou sen incidencia ningunha». Ademais, lamentan a falta de solucións por parte da empresa, coñecedora dos prexuízos que esta medida ocasionaría.