Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 20 Abril 2024.

Economía circular e coñecemento

    A economía enfróntase en todo o mundo a dúas graves ameazas: a escaseza de recursos naturais e a dificultade para xestionar o crecente volume de residuos. Estas ameazas estanse a facer cada vez máis urxentes; como exemplo, o incremento galopante do custo das materias primas —50 % de alza do prezo do petróleo, 70 % o do cobre ou 300 % o da madeira—, que causa maiores impactos sobre o medio natural e a economía. Fronte a isto, a inacción só xerará resultados catastróficos a medio e longo prazo, pondo en perigo multitude de empregos. A inflación provocada polo incremento dos custos das materias primas, a finais dos anos setenta do século pasado, xa nos ensinou as dramáticas consecuencias laborais.

    30/09/2021. Francisco Méndez, secretario de Cambio de Modelo Produtivo e Sostibilidade de CCOO
    Francisco Méndez Gómez, secretario de Cambio de Modelo Produtivo e Sostibilidade de CCOO

    Francisco Méndez Gómez, secretario de Cambio de Modelo Produtivo e Sostibilidade de CCOO

    A situación en Galicia é unha clara mostra do que sucede de xeito global. Estamos inmersos nunha transición enerxética que non está a resultar todo o equitativa que debería. Perdemos dúas centrais de xeración eléctrica con carbón —Meirama e As Pontes—, pero aínda non se despregou a suficiente cantidade de enerxías renovables para substituír esa capacidade de xeración —2000 MW— como para equilibrar os prezos da electricidade —farían falta 5000 MW en renovables—. Tampouco se crean empregos novos que cubran os destruídos, nin se fai isto compatible co desenvolvemento territorial.

    A alza de prezos da electricidade pon en perigo todo tipo de actividades, desde as industrias electrointensivas ata multitude de pequenas empresas que conforman o tecido produtivo galego. Doutra banda, o sector da automoción e de fabricación de bens de equipamento retarda as súas producións polo encarecemento das materias primas —nos seis primeiros meses deste ano, un –21 % de produción—, ao tempo que se demora a renovación de equipamentos informáticos de entidades, empresas e administracións pola suba de prezos ocasionada pola falta de semicondutores e chips.

    Se as sociedades economicamente desenvolvidas queren soster a súa existencia tal e como a coñecemos, deben acometer un profundo cambio do sistema produtivo que vai alén do industrial: implica un cambio social, un redeseño completo que nos conduza á economía circular.

    Cando falamos de economía circular, non só nos referimos á industria ou aos recursos: falamos dun cambio de mentalidade. Cómpre reformularmos a necesidade de ser propietarios dos bens de consumo, cando o que precisamos é usalos; incrementar a vida útil dos bens duradeiros; fomentar a reparación fronte á substitución. Tamén, deseñar produtos pensando en como fabricalos, con que materiais, para que se usarán, o xeito de actualizalos e ter sempre en conta que os seus compoñentes serán unha materia prima ao final da vida útil.

    En resumo, a economía circular é converter o coñecemento —e non a explotación de recursos limitados— na materia prima básica de todo o sistema produtivo.