Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 22 Maio 2024.

10 DE MARZO 1972-2022: 50 anos de loita obreira na cidade rebelde

    26/11/2021.
    Presentación actos 10 de marzo 2022

    Presentación actos 10 de marzo 2022

    Presentación do programa para conmemorar, no ano 2022, o 50 aniversario dos sucesos do 10 de marzo.

    Ferrol acolleu este venres a presentación do programa de actos deseñado pola Unión Comarcal de CCOO de Ferrol, coa colaboración da Dirección do Sindicato Nacional e a Fundación 10 de Marzo, para conmemorar no ano 2022 o 50 aniversario dos sucesos do 10 de marzo de 1972. Estes feitos marcaron o movemento obreiro galego de clase na súa batalla contra a ditadura e polos dereitos e as liberdades, dende un orgullo de clase que hoxe tamén reivindicamos na loita pola dignidade laboral.

    A secretaria xeral de CCOO, Amelia Pérez, puxo en valor que «comezamos un ano moi importante para nós, como Comisións Obreiras», e sinalou que cómpre «lembrar todo o acontecido e, ao tempo, reforzar a nosa memoria democrática, que é imprescindible como muro e barreira contra certos discursos que se están proliferando de xeito moi preocupante». 

    «Desde CCOO non imos tolerar que se intente reescribir a historia deste país. O espírito do 72, o de marzo en Ferrol e o de setembro en Vigo, está moi vivo e presente cada vez que saímos ás rúas en Cádiz ou Alicante, con Alu Ibérica, Alcoa, Vestas; en todas as protestas e loitas, seguimos a nutrirnos dese orgullo de clase», manifestou Pérez.

    Pola súa banda, o secretario comarcal da UC Ferrol, Jose Hurtado, puxo en valor que para o sindicato en Ferrolterra «é un verdadeiro orgullo iniciar un ano de conmemoración, de memoria histórica, de lembranza de Amador e Daniel, que foron compañeiros, exemplo de tantas loitas e aprendizaxes que están no noso ADN sindical e na historia desta comarca, nestes cincuenta anos de loita obreira na cidade rebelde».

    Na conferencia de prensa tamén tomou a palabra Xan María Castro, exsecretario do Sindicato Nacional e agora á fronte da Fundación Dez de Marzo, que traballa na produción dun docudrama sobre os feitos do 72 e que se prevé preestrear nesas datas.

    O programa de actos inclúe a tradicional ofrenda floral institucional, mobilización nas rúas da cidade, unha mesa redonda coa participación de Unai Sordo, Ignacio Fernández Toxo e Nicolás Sartorius, ademais da entrega dos premios da Fundación Dez de Marzo e do concurso escolar ideado para facilitar o coñecemento destes feitos entre a mocidade de Ferrolterra cunha unidade didáctica específica.

    Rematou o acto agradecendo á deseñadora Elga Fernández o cariño do traballo feito co gallo dos cincuenta anos de Marzo de 1972, que recolle o espírito de loita fraterna e colectiva polos dereitos e a dignidade e que será o emblema de CCOO na conmemoración deste aniversario que encaramos con orgullo, como un acto de dignidade co pasado, pero tamén do presente e futuro.

    Audios asociados

    Presentación 10 de marzo Amelia Pérez