Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 25 Abril 2024.

Seguimento do 90% da folga de Bosch en Vigo

    Transcorridas xa as dúas primeiras xornadas de folga no centro de traballo de Vigo de Bosch Service Solutions, a convocatoria foi seguida por case o 90% do persoal, segundo informa o comité de empresa.

    08/01/2022.
    Concentración durante a folga das traballadoras e traballadores de Bosch Service Solutions, diante do centro de traballo da empresa en Vigo

    Concentración durante a folga das traballadoras e traballadores de Bosch Service Solutions, diante do centro de traballo da empresa en Vigo

    Bosch Service Solutions é unha empresa do sector de centros de chamadas (contact center) que presta servizos a clientes como Vodafone, Repsol, Orange ou Iberdrola.

    Desde o 2019, antes da pandemia, a empresa encadeou varios ERTE que afectaron principalmente á campaña para Vodafone. A finais do pasado decembro, a empresa presentou un ERE para eses mesmos servizos, alegando unha hipotética redución de carga de traballo futura.

    O comité negouse a negociar ese «ERE preventivo», polo que a empresa se comprometeu a retiralo sempre que a representación legal do persoal aceptase pactar unha modificación substancial das condicións de traballo para todo o persoal asignado a Vodafone.

    Novamente, o comité rexeitou a «chantaxe» proposta pola empresa. Con todo, Bosch retirou o ERE e abriu un período de consultas para a devandita modificación das condicións de traballo.

    Folga e concentración

    Ante isto, o comité decidiu convocar os case 1600 traballadores e traballadoras de Bosch (a segunda maior empresa de Vigo por cadro de persoal) a tres días de folga en defensa das condicións de traballo. As dúas primeiras tiveron lugar o mércores e venres desta semana e a terceira será o vindeiro luns, 10 de xaneiro.

    Precisamente, durante a folga do venres houbo unha numerosa concentración diante das instalacións de Bosch en Vigo, na que o persoal denunciou que a empresa pretenda deteriorar as súas condicións laborais.