Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 13 Decembro 2025.

Día Mundial do Cancro: visibilizar o cancro laboral e mellorar a súa prevención

    Co gallo do Día Mundial do Cancro, CCOO quere reiterar o seu compromiso coa visibilización do cancro de orixe profesional e coa prevención das exposicións a axentes canceríxenos no ámbito laboral, tal e como vén desenvolvendo coa súa campaña Cancro Cero no Traballo.

    04/02/2022.
    Cancro cero no traballo

    Cancro cero no traballo

    A acción sindical de CCOO na loita contra o cancro é anterior á propia legalización do sindicato en 1977, como testemuñan as accións desenvolvidas na clandestinidade para denunciar os efectos do amianto na saúde das traballadoras e os traballadores. No 2011, isto materializouse coa posta en marcha da campaña sindical «Cancro Cero no Traballo», que se mantén na actualidade e que inspirou a campaña Stop Cancer at Work da Confederación Europea de Sindicatos.

    Este 4 de febreiro e con ocasión do Día Mundial do Cancro, desde CCOO queremos reiterar o noso compromiso fronte a unha epidemia que sufrimos desde hai décadas e que vai en aumento. Pero queremos incidir en como lles afecta ás persoas traballadoras, visibilizando que unha parte destes cancros ten a súa orixe na actividade laboral e a necesidade de impulsar a súa prevención nas empresas.

    As campañas públicas de prevención do cancro poñen énfase en factores de risco individuais e lanzan mensaxes para mellorar hábitos persoais (prevención do consumo de tabaco e alcohol, alimentación equilibrada, promoción do exercicio físico) que apoiamos desde o sindicato. Pero habitualmente óbvianse factores colectivos, esquecendo que as condicións de traballo son responsables de, polo menos, 10 000 novos casos de cancro anuais en España, sendo a primeira causa de morte no traballo. A pesar disto, estes casos mantéñense ocultos e só se comunicaron 50 partes de enfermidade profesional por cancro no 2020 e 51 no 2021.

    Algúns datos mostran ás claras a dimensión do problema:

    — Morren máis persoas por cancro laboral que as que morren por accidente de traballo e por accidente de tráfico xuntas.

    — Segundo a Organización Internacional do Traballo, cada ano morren 600 000 persoas no planeta por cancro laboral, unha cada 52 segundos.

    — Non existen rexistros oficiais pero, segundo a única estimación dispoñible, a cuarta parte da poboación laboral española está exposta a axentes canceríxenos.

    — A evidencia científica demostra que entre o 4 e o 10 % do total de casos de cancro diagnosticados entre a poboación en xeral débese a exposicións laborais a axentes canceríxenos. Pero se se analiza a poboación laboral exposta a estes axentes, a porcentaxe chegaría ao 25 e o 30 %.

    As exposicións profesionais son perigos evitables aos que os individuos se expoñen de forma non voluntaria. Ninguén ten por que aceptar un maior risco de cancro no traballo, especialmente se a causa é coñecida, e as empresas teñen a obriga legal de avaliar o risco e adoptar medidas preventivas. Os cancros profesionais poden evitarse coa adopción das medidas preventivas adecuadas. É urxente facer prevención hoxe para evitar novos cancros no futuro.

    O compromiso e a loita de CCOO e dos sindicatos europeos fronte ao cancro laboral conseguiu que nos últimos anos se aprobaran tres modificacións da Directiva de canceríxenos e mutáxenos que, pouco a pouco, e ás veces con atraso, se están trasladando á lexislación española. Logrouse a clasificación como canceríxenas de substancias moi relevantes, como o po respirable de sílice cristalina ou os fumes diésel, e ampliouse significativamente o número de axentes canceríxenos con valor límite obrigatorio.

    Recentemente, o Instituto Nacional de Seguridade e Saúde no Traballo puxo en marcha a campaña «Evitemos Hoxe o Cancro Laboral de Mañá», á que nos adherimos desde CCOO por ser, ao noso xuízo, necesaria e acertada; pero debería reforzarse con actuacións preventivas e de vixilancia e control por parte do Goberno. En opinión de CCOO, aínda son necesarias medidas de máis alcance para protexer a poboación traballadora fronte ao cancro, entre as que destacamos:

    — Asegurar que as empresas cumpren coa súa obriga de informar os traballadores e traballadoras sobre os produtos que utilizan ou dos que se rodean. Deben ter ao seu dispor as fichas técnicas de seguridade.

    — Reforzar o principio de substitución de axentes canceríxenos, obrigando as empresas a demostrar previamente a non existencia de alternativas dispoñibles para autorizar o seu uso.

    — Establecer límites máis estritos para substancias como o cadmio, o po de madeiras, o cromo VI, a sílice cristalina ou os fumes diésel, entre outros, axustándoos á evidencia científica existente.

    — Transposición inmediata da Directiva de radiacións ionizantes, que reduce a un terzo o límite de concentración de radon nos centros de traballo, un gas radioactivo que causa cancro de pulmón. O próximo 6 de febreiro cumprirase o cuarto ano de superación do prazo de transposición, o cal é intolerable.

    — Incluír no ámbito de aplicación do RD de canceríxenos aquelas actividades para as que a Organización Mundial da Saúde xa demostrou a súa relación co cancro: salóns de peiteado, extinción de incendios, pintura ou industrias de caucho, do petróleo ou fundicións, entre outras.

    — Crear rexistros de persoas traballadoras expostas e de empresas con risco de exposición a canceríxenos para mellorar a notificación de casos de cancro laboral e garantir a súa adecuada vixilancia da saúde unha vez finalizada a súa vida laboral.

    — Poñer en marcha un plan nacional para erradicar o amianto instalado e aprobar no Congreso dos Deputados a creación do fondo de compensación ás súas vítimas.

    É innegable que se lograron avances nos últimos anos, pero aínda quedan moitos retos pendentes. O camiño está iniciado, pero cómpre máis ambición para lograr o obxectivo de Cancro Cero no Traballo. Millóns de traballadores e traballadoras utilizan acotío substancias que poden producir cancro, e as mellores ferramentas para previlos son un adecuado sistema preventivo —no que a información é clave—, a indispensable substitución de produtos e unha vixilancia da saúde de calidade e adaptada aos riscos aos que as traballadoras e traballadores están expostos.

     

    Documentación asociada
    Documentación asociada