Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 22 Maio 2024.

Entrega dos Premios 10 de Marzo 2022

    CCOO retransmitirá na súa canle de YouTube a entrega dos Premios 10 de Marzo, que este ano outorga a Jaime Pereira, Josefa Piñón e Almudena Grandes (in memoriam).

    04/03/2022.
    De esq. a der., Fina Piñón, Jaime Pereira e Almudena Grandes

    De esq. a der., Fina Piñón, Jaime Pereira e Almudena Grandes

    Jaime Pereira Silva (Vigo, 1947)

    Comezou a traballar no estaleiro Factorías Vulcano con só 18 anos, en 1965. Ao pouco tempo xa participaba en asembleas para coordinar as diferentes empresas e sectores.

    Na época dos sucesos de 1972 era ‘correo’ do PCG, distribuíndo propaganda clandestina da rúa á empresa. En condicións difíciles, tocoulle decidir o destino das CCOO de Vigo xunto a outros compañeiros e compañeiras, que garantiron unha estrutura estable. Ao tempo, cara a finais dos setenta implicouse no movemento veciñal canda a outros compañeiros de militancia.

    Ademais de delegado sindical durante moitos anos, tivo cargos de relevancia no seo do sindicato, como membro da executiva comarcal de CCOO de Vigo ou membro do Consello Nacional de CCOO de Galicia.

    Josefa Piñón Seoane (Ferrol, 1938)

    Cando tiña 7 anos detiveron o seu pai e ten esa época na súa memoria. Incluso garda unha foto dela visitándoo no cárcere da Coruña, onde estivo privado de liberdade dous ou tres anos.

    En 1968, época das revoltas estudantís compostelás, asinou unha carta que condenaba a expulsión de varios estudantes da Universidade de Santiago. Ese acto fixo que o seu nome fora fichado pola policía franquista.

    Foi das primeias ferrolás en formar parte do Movemento Democrático de Mulleres, entre cuxos obxectivos estaba introducirse nas asociacións e promover mobilizacións contra a carestía da vida. En 1970 tivo unha actividade intensa colaborando xunto a outras mulleres na recollida de víveres para a resistencia das folgas de Peninsular Maderera e en Megasa. A súa implicación levouna a ser detida en 1976 por reparto de propaganda ilegal.

    Aos seus 83 anos, segue participando en manifestacións a prol das causas xustas.

    Almudena Grandes Hernández (Madrid, 1960-2021) — in memoriam

    Almudena Grandes foi unha das máis brillantes escritoras españolas do século XX e comezos do XXI, o que lle valeu distincións como o Premio Iberoamericano de Novela, o Premio Liber ou o Premio Nacional de Narrativa, entre moitos outros galardóns.

    A súa prolífica obra literaria foi paralela a unha traxectoria vital de profundo compromiso social, un camiño que CCOO se congratula de ter compartido coa escritora, que relatou como ninguén a vivencia histórica dos que perderon a guerra civil, do exilio e da resistencia antifranquista.

    Almudena Grandes sempre mantivo firme o seu compromiso coas causas que considerou xustas, cos dereitos da clase traballadora e co sindicalismo de clase. Estivo a carón das CCOO na campaña a favor do dereito de folga, en congresos, en actos de apoio a folgas xerais ou contra a reforma laboral do PP, a favor do acollemento ás persoas refuxiadas ou mobilizándose connosco contra as guerras.

    RETRANSMISIÓN DOS PREMIOS

    📺 Segue en directo a entrega dos Premios 10 de Marzo (sábado 5, a partir das 11:30)