Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 20 Abril 2024.

10 DE MARZO DE 2022: DÍA DA CLASE OBREIRA GALEGA

    Amelia Pérez, secretaria xeral do Sindicato Nacional de CCOO en Galicia, recorda a importancia que para CCOO teñen os feitos do ano 1972 en Galicia e do 10 de marzo en Ferrol, neste 50 aniversario.

    10/03/2022.

    URL | Código para insertar

    Chegados ao 50 aniversario do 10 de Marzo, sería doado caermos na tentación de, simplemente, lembrar que tal día coma hoxe os traballadores de Bazán se mobilizaron no ano 1972 para conseguir un convenio xusto. Porén, a memoria débenos servir para algo máis que evitar o esquecemento dos que deron a súa vida polos seus compañeiros e compañeiras, neste caso, ademais, asasinados polo aparato represor da ditadura. Nesta data debemos lembrar que hoxe, coma onte, os traballadores e as traballadoras só temos unha maneira de defendermos os nosos dereitos: coa unión da clase obreira. Esta unión é o que hoxe volvemos reivindicar.

    Continuamos saíndo á rúa para defender a dignidade e dereitos da clase obreira, ou contra as condenas de cárcere de compañeiros e compañeiras por defenderen os seus dereitos. Agora, en Pontevedra, un traballador de ENCE enfróntase a un ano de cárcere pola denuncia do alcalde da cidade por participar nunha protesta en defensa dos postos de traballo. Non é a primeira vez que isto acontece en Galicia nin, polo que parece, será a última, máis aínda coa deriva represiva que marcou a chamada lei mordaza, que aínda está pendente de reformar.

    Intentarán silenciarnos, pero non poderán connosco. No último ano, foron numerosas as ocasións en que a cidadanía, por milleiros, tomou as rúas para denunciar unha inxustiza ou defender unha causa xusta, a sanidade pública, a industria, o non á guerra ou o 8M, o 1 maio, entre outras moitas. Así seguiremos loitando coa máxima unidade posible para lograr frear os recortes económicos e de dereitos que nada teñen que ver coa saída da crise, a pandemia ou a guerra de Ucraína, na que se ataca sistematicamente a población civil. 

    Neste 50 aniversario, máis ca nunca,

    VIVA A CLASE OBREIRA GALEGA!!

    VIVA O DEZ DE MARZO!!

    VIVAN AS COMISIÓNS OBREIRAS!!

    DANIEL E AMADOR, NA MEMORIA!!