Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 4 Xuño 2025.

Faleceu Fernando Randulfe, avogado laboralista de Vigo e defensor da xustiza social e a liberdade

    Nos duros tempos dos conflitos laborais, especialmente do ano 1972, o despacho laboralista de Fernando e Elvira Landín desempeñou un papel impagable.

    13/03/2022.
    Homenaxe a Fernando M. Randulfe e Elvira Landín (arquivo)

    Homenaxe a Fernando M. Randulfe e Elvira Landín (arquivo)

    Fernando Martínez Randulfe naceu en Ourense no ano 1943. Dedicou a maior parte da súa vida a desempeñar a súa paixón, o dereito laboral e a defensa dos dereitos dos traballadores e traballadoras.

    Labor durante o franquismo

    Fernando Randulfe abriu un despacho laboralista nos primeiros anos setenta, en pleno franquismo, xunto a Elvira Landín, e desde o principio puxérono ao servizo dos traballadores e traballadoras de Vigo. Axiña o colectivo laboral foi consciente de que contaba cunha ferramenta valiosa naquelas épocas difíciles en que tanto había que loitar polos dereitos laborais. Cumpría conquistalos paso a paso, a pé de fábrica e na rúa pero tamén mediante a defensa xurídica.

    O seu compromiso tamén se proxecta máis alá do ámbito do dereito. Fernando Randulfe foi deputado no Parlamento de Galicia nas candidaturas do PSG-EG e presidente de Esculca (Observatorio de ámbito galego que traballa na defensa dos dereitos e liberdades públicas garantidos na Constitución e nos tratados internacionais)

    Por estes motivos e moitos máis, a Unión Comarcal de CCOO de Vigo e a Fundación 10 de Marzo, xunto a amigos e amigas, homenaxearon a Fernando Randulfe e a Elvira Landín o 10 de xuño do 2015 no auditorio Afundación de Vigo. No acto, presentado por Xoán López Facal, interviñeron o presidente da F10M, Xan María Castro; o alcalde en funcións, Abel Caballero; o secretario xeral de CCOO de Galicia, Xosé Manuel Sánchez Aguión; a secretaria xeral da Unión Comarcal de CCOO de Vigo, Amelia Pérez; o sindicalista Waldino Varela; o ex fiscal superior de Galicia, Carlos Varela; a ex xuíza e futura alcaldesa de Madrid, Manuela Carmena; o profesional da educación e amigo dos homenaxeados Calo Iglesias; así como os propios Fernando Randulfe e Elvira Landín.

    Ademais, como parte desta homeanxe, o historiador José Gómez Alén publicou en colaboración coa F10M un libro sobre a importancia do labor realizado polos avogados laboralistas, en particular por Landín e Randulfe.

    Desde as CCOO de Galicia queremos transmitir o nosa máis agarimosa aperta á súa familia, amigos e amigas.