Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 23 Maio 2025.

Reducir horario, mellorar a vida da xente

    «A proposta da redución da xornada a 37,5 horas, que levamos tempo reclamando as organización sindicais, non se poderá aplicar igual en todos os sectores nin en todas as empresas». Así o sinala Amelia Pérez Álvarez, secretaria xeral de CCOO de Galicia, nun artigo para La Voz de Galicia. Ver máis AQUÍ 

    29/10/2023.
    ✍️Artigo da secretaria xeral de CCOO, Amelia Pérez, La Voz de Galicia

    ✍️Artigo da secretaria xeral de CCOO, Amelia Pérez, La Voz de Galicia

    A finais de setembro, as Comisións Obreiras (CCOO) de Galicia celebramos o noso consello —máximo órgano entre congresos—. No informe que presentei, facía unha análise do acontecido nas eleccións do 23X, a posibilidade de reedición dun Goberno de progreso e as tarefas pendentes de cara á nova lexislatura, con dúas premisas básicas. A primeira, a necesidade de pactos e consensos amplos que permitan acometer os cambios indispensables para continuar transformando o país e mellorando a vida da xente. En segundo lugar, seguir tomando decisións valentes para romper certos mantras que levan tempo instalados no mercado de traballo e que semellan inamovibles. Claro exemplo foi o incremento do 47 % do salario mínimo interprofesional, que, segundo algúns, ía traer un cataclismo ao país. A realidade non foi esa.

    Soubemos pola prensa do acordo de lexislatura entre o PSOE e Sumar. Un acordo que abrangue moitas cuestións, entre elas, a relativa á creación de máis e mellores empregos, con máis dereitos e melloras salariais. E neste punto inclúese a proposta da redución da xornada a 37,5 horas.

    A medida, que levamos tempo reclamando as organización sindicais, non se poderá aplicar igual en todos os sectores nin en todas as empresas.

    Existen diferentes casuísticas que cumprirá abordar no eido da negociación colectiva que afrontaremos. Mais a formulación xeral está ben encamiñada. Agora queda que esa formulación, se hai investidura, se presente para o debate e acordo entre todos os axentes sociais. Algo que, por certo, xa recolle o citado acordo entre os dous partidos no seu punto 2: «As medidas laborais contidas neste acordo levaranse a cabo no marco do diálogo social».

    Entendemos que a dereita política, mediática e empresarial non comparta estas propostas. A súa política laboral é outra ben distinta. Pero o que me sorprende é que esas discrepancias ideolóxicas de fondo se manifesten con exabruptos, valoracións de brocha gorda e anuncios da inminente chegada das dez pragas bíblicas.

    Sen ir máis lonxe, esta mesma semana coñeciamos a postura da OCDE ao respecto desta medida: pide que non afecte á produtividade. E non sabemos moi ben que quere dicir iso nun país como o noso, onde, de media, traballamos máis horas que no resto da UE e estamos á cola en produtividade.

    Pero, á parte desta medida, tamén debería focalizarse noutras como a fraude nas horas extras, problema de primeira orde no noso país, con incumprimentos sistemáticos incluso nalgunha Administración. Alegrámonos de que os partidos políticos vaian aterrando no mundo real.

    Dende Comisións Obreiras sempre reclamamos que o factor traballo estea no centro das políticas porque, obxectivamente, é o que permite mellorar a vida da xente.