Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 29 Marzo 2024.

CCOO logra a presidencia do comité de empresa da fábrica de Ence

    Na madrugada de hoxe coñecéronse os resultados das eleccións sindicais da fábrica de Ence, despois da votación que se desenvolveu entre as 13:00 e as 23:30 horas, cunha participación histórica do 90 % do censo de técnicos e administrativos e de máis do 93 % en especialistas.

    17/06/2022.

    URL | Código para insertar

    No colexio de técnicos elixíanse seis representantes: tres de CCOO (46 votos), dous de UGT (35 votos), un da CIG (26 votos). No colexio de especialistas elixíanse sete representantes: catro de CCOO (84 votos), dous da CIG (41 votos) e un da UGT (21 votos). Polo tanto CCOO consegue a maioría absoluta do comité de empresa con sete representantes, a CIG tres representantes e a UGT outros tres.

    Con respecto ás anteriores eleccións sindicais, CCOO gaña dous representantes, a CIG ve reducida a súa representación en dous delegados e a UGT mantense coa mesma representación. Logo das eleccións sindicais da fábrica, dos 23 representantes dos traballadores do Grupo Ence en Pontevedra (13 da fábrica, nove das oficinas e un do viveiro de Figueirido), CCOO ten 17 (74 % da representación), a CIG tres e UGT tres.

    Por primeira vez desde que se celebran eleccións sindicais na fábrica e se presentan os tres sindicatos de clase, un deles obtén maioría absoluta no comité de empresa, o que pon en valor a importancia e a transcendencia do resultado obtido por CCOO.

    Despois dos avatares xudiciais da concesión e das mobilizacións desenvolvidas, a ninguén se lle escapa que estas eleccións tiñan unha especial relevancia porque servían para referendar ou retirar confianza das dúas liñas de acción desenvolvidas por CCOO e pola CIG (que contou coa complicidade total da UGT). O persoal, consciente desa relevancia, acudiu masivamente ás urnas e decidiu apoiar a liña de mobilizacións emprendidas por CCOO en defensa da permanencia en Lourizán, que contaron co inestimable apoio do persoal das oficinas, das empresas auxiliares e dos sectores loxístico e forestal.

    Destas eleccións tamén estaban pendentes todas as institucións e partidos políticos que promoven o peche de Ence e a destrución dos postos de traballo; seguramente se sentirán «decepcionados» pola recuperación da normalidade sindical que supón a defensa intransixente dos postos de traballo, e pola consecuente perda de apoios dos seus aliados na empresa.

    CCOO celebra os resultados polo que supón de consolidación da unidade de acción co resto do persoal propio de Ence e cos traballadores dos sectores auxiliares e indirectos, e porque nos permiten gañar forza na defensa da permanencia en Lourizán e na adscrición de Ence ao Porto de Marín.