Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 19 Abril 2024.

Os nosos maiores non son mercadoría

    Gustaríame que Brais puidese ter gozado máis do avó materno. Que lle puidese contar o dura que fora a súa infancia cando, con dez anos, se viu obrigado a deixar de estudar para ir percar co seu pai. Ou cando, ao pouco de casar e cun fillo de tres anos, tivo que emigrar para poder desenvolver un proxecto de vida porque a miseria e a falta de traballo que había neste país durante o franquismo obrigaron a milleiros de homes e mulleres a abandonar España.

    10/10/2022. Amelia Pérez, secretaria xeral do S. N. de CCOO de Galicia
    Persoa dependente en cadeira de rodas | Foto: Pixabay

    Persoa dependente en cadeira de rodas | Foto: Pixabay

    Por desgraza, isto non vai pasar. Hai cinco anos, ao avó de Brais deulle un ictus. A hemiplexía e a afasia encargáronse de que ese anhelo non pase dun desexo que xamais se cumprirá. O avó, sempre activo, vive agora os seus últimos anos nunha residencia de maiores e precisa axuda para as tarefas máis cotiás. Eu xa era unha firme defensora do que agora se chama economía dos coidados, pero as circunstancias persoais reafirmáronme neste compromiso.

    Na pandemia, as costuras do noso sistema de dependencia rebentaron por todas as partes. É certo que xa presentaba eivas e síntomas de esgotamento moito antes, pero coa covid agudizáronse os problemas. O sistema de atención que temos non trata os nosos maiores como persoas. Trátaos, moitas veces, como mochilas que se levan dun sitio para outro ou que se aparcan onde menos molesten.

    En moitos casos, as persoas que están nas residencias teñen, como o avó de Brais, un grao de dependencia absoluta. E como estamos falando de persoas, é unha indecencia que as principais decisións se baseen unicamente en criterios economicistas. Cando licitan un servizo, as Administracións deben esixir calidade, non só prezos baixos. E teñen que realizar un eficaz e contundente labor de inspección e sanción para evitar casos como o dunha residencia que denunciamos hai pouco por carecer de algo tan básico como produtos de limpeza.

    Tamén teñen que cambiar os protocolos, asumindo que cada caso é un mundo e tendo presente que o cambio dunha vivenda a unha residencia require unha adaptación que se ha realizar co máximo coidado e delicadeza. Atrás quedan non só a independencia, senón a familia máis achegada, o apego ao coñecido, as lembranzas, as rutinas...

    A economía dos coidados ten que ser unha prioridade como sociedade, partindo dos principios mínimos do cariño, da empatía e do respecto. O sistema vixente debe ser reformado e reforzado, porque os nosos maiores son, ante todo, persoas ás que llelo debemos todo, e non unha mercadoría transitando pola cadea de produción. É unha cuestión de xustiza social, pero, sobre todo, de humanidade.


    * Artigo publicado orixinalmente en La Voz de Galicia (6/10/2022)