Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 26 Abril 2024.

Mobilizacións en Acciona Service, empresa de limpeza dos hospitais de Pontevedra, polo despedimento dunha traballadora

    CCOO denuncia o despedimento por «inxustificado e inxusto». O sindicato reproba, ademais, as «malas maneiras» da empresa, que alegou un suposto «baixo rendemento» cando o motivo real é «amedrentar o persoal para que non cause baixas por incapacidade temporal».

    17/11/2022.
    foto arquivo traballadoras e traballadores de Acciona.

    foto arquivo traballadoras e traballadores de Acciona.

    No ano 2017, o Servizo Galego de Saúde (Sergas) adxudicoulle a Acciona Service o servizo de limpeza do Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra, integrado polos hospitais de Montecelo e o Provincial. O contrato tiña unha duración de dous anos, prorrogables por outros dous adicionais, co que alcanzaría un importe de 14,2 millóns de euros.

    CCOO xa denunciou a actitude da empresa ACCIONA ao negar a negociación das condicións laborais dos traballadores e traballadoras nos primeiros meses do ano 2022. Agora, o despedimento dunha traballadora é a razón pola que, o martes 22 e o xoves 24, o persoal da empresa iniciará as mobilizacións con concentracións ás 10.00 horas diante dos Hospitais Provincial e Montecelo.

    Xosé Luís García Pedrosa, secretario de organización da Unión Comarcal de CCOO de Pontevedra, sinala que «non recordo que nas concesionarias da limpeza dos hospitais se despedida unha traballadora que regresaba dunha baixa laboral»; «entendemos –afirmou Pedrosa– que tras o baixo rendemento esgrimido pola empresa para proceder ao despedimento se agocha a pretensión de que a xente non colla baixas para evitar seguir o camiño da compañeira». 

    É unha represalia e un abuso contra o persoal, polo que cómpre a intervención do xerente da área sanitaria, José Flores, pois o conflito laboral nesta empresa afecta ao funcionamento da actividade hospitalaria. Trátase dunha inxustiza e, ademais, esta situación pode xerar que o persoal traballe enfermo para evitar represalias ou despedimentos. Un persoal que está suxeito a similares riscos de contaxio que o persoal sanitario, e moitas veces con maior carga de traballo, menos medios de protección e escasa vixilancia da súa saúde.

    CCOO pídelle a Acciona Service que reflexione sobre a súa decisión, ao tempo que a insta a readmitir a afectada; do contrario, tras as primeiras concentracións non se descartan medidas máis contundentes. Non se pode permitir que estar de baixa por incapacidade temporal sexa motivo para perder o traballo.