Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 20 Abril 2024.

DEICHMANN VIGO EN FOLGA POR INCUMPRIMENTO DO CONVENIO

  • A dirección da empresa non cumpre co carácter voluntario do traballo en domingos e festivos.
  • CCOO tentou iniciar un procedemento de mediación AGA, pero este non foi atendido pola xerencia de Deichmann
  • A folga secundouse ao 100 % na primeira xornada, sen incidentes. A tenda estivo pechada toda o día.

17/12/2022.
Concentración en Deichmann polo incumprimento do convenio

Concentración en Deichmann polo incumprimento do convenio

As traballadoras de Deichmann Vigo convocaron folga en protesta polo incumprimento por parte da empresa do convenio colectivo de comercio vario da provincia de Pontevedra, asinado o mes pasado, no tocante á voluntariedade de traballar en domingos e festivos. 

A representación legal das traballadoras e CCOO tentaron ata o último momento unha solución negociada co fin de evitar a folga. Non foi posible. A semana pasada, a empresa rexeitou expresamente acudir á reunión de mediación do procedemento AGA solicitado por CCOO, deixando claro que non é a súa vontade solucionar nada. 

O calendario de folga abarca os seguintes días durante a xornada completa: 

— sábado 17/12; domingo 18/12, venres 23/12 e xoves 5/01/2023. 

Tamén están convocadas concentracións diante do centro de traballo, no centro comercial Gran Vía, segundo andar, nos seguintes horarios:

— 11:30 a 13:00; 17:00 a 18:30

Na primeira xornada de folga, a participación foi do 100 % das oito traballadoras do centro de traballo de Deichmann Vigo; a tenda permaneceu pechada durante toda a xornada do sábado 17.

A dirección da empresa mantén que poden incumprir o convenio e que o traballo en domingos e festivos é obrigatorio e sen compensación de ningún tipo. 

CCOO tentou trasladar diferentes propostas en materia de compensación económica e flexibilidade organizativa favorable ás traballadoras que, voluntariamente, traballen en domingos e festivos.  Lamentablemente, a empresa non quixo reunirse con CCOO e convocou as traballadoras a unha reunión o día antes do inicio da folga, para tentar desmontala sen considerar seriamente estas propostas. 

CCOO lamenta profundamente que a empresa se negue a negociar e opte por incumprir sistematicamente o convenio colectivo.