Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 20 Abril 2024.

CCOO esixe unha suba salarial real no Banco Santander

    CCOO, sindicato maioritario no Banco Santander e no sector financeiro, convoca este xoves unha concentración na Coruña para esixir unha suba salarial real nesta entidade bancaria. Segundo Comisións, a empresa pretende aplicar unha cláusula que lle permite facer as subas á custa dos complementos retributivos. A protesta tivo lugar entre as 12 e as 13 horas fronte á oficina do Santander no Cantón Pequeno coruñés. A protesta da Coruña foi simultánea a outras en Barcelona, Madrid, Sevilla e Bilbao.

    12/01/2023.
    Concentración diante da oficina do Banco Santander no Cantón Pequeno da Coruña

    Concentración diante da oficina do Banco Santander no Cantón Pequeno da Coruña

    CCOO lembra que no convenio da banca, asinado a comezos do 2021, pactáronse unhas subas anuais acordes coa situación do momento e «nada facía prever a crise de prezos que padecemos actualmente». De xeito excepcional, abriuse o observatorio sectorial do convenio, onde se constatou a desvalorización salarial e a perda de poder adquisitivo.

    Froito destas conclusións, o 29 de novembro do 2022 reabriuse o convenio colectivo e acordouse modificar as táboas salariais do 2023, pasando dun incremento retributivo do 1,25 ao 4,5 %.

    Desde ese momento, CCOO instou o Banco Santander e o resto de entidades a que ese incremento fose real para todo o persoal e non se aplicase a cláusula xeral de compensación e absorción, que faculta as empresas a absorberen estas actualizacións a aquelas persoas que teñen complementos voluntarios.

    Entidades como o BBVA, o Sabadell ou Bankinter estableceron fórmulas para que o incremento fose real e para todo o seu persoal; non así o Santander, unha entidade que tivo un beneficio atribuído de 7316 millóns de euros nos primeiros nove meses do 2022, un 25 % máis ca no mesmo período do ano anterior.