Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 2 Maio 2024.

Claves da resolución do Parlamento Europeo sobre o acoso sexual e a importancia do #MeToo

    A Presidencia do Parlamento Europeo acaba de asinar e aprobar as consideracións do Parlamento sobre a situación da problemática de acoso sexual e a importancia que, desde a súa fundación no 2006, ten o Movemento #MeToo en promover a súa denuncia e tratamento desde as institucións.

    08/06/2023. Gabinete de Igualdade de CCOO
    O movemento #Metoo naceu coa intención de axudar as vítimas de violencia sexual

    O movemento #Metoo naceu coa intención de axudar as vítimas de violencia sexual

    Grazas á presenza de CCOO nos acordos de negociación colectiva, moitas das reflexións e propostas que presenta o documento xa se recollen na actual lexislación española.

    Porén, ao igual que reflexiona esta resolución do Parlamento, aquí tamén debemos facer un chamamento aos nosos órganos de Goberno sobre o retroceso no coidado e aplicación da devandita normativa e na protección contra a violencia de xénero en xeral.

    O ACOSO SEXUAL NA UNIÓN EUROPEA

    O Parlamento Europeo volve insistir no carácter fundamental do dereito á igualdade de xénero (art. 2 do Tratado de UE; art. 21 e 23 da Carta dos Dereitos Fundamentais da UE), ao tempo que o pon en relación co dereito á integridade persoal do artigo 3. Tamén reforza a consideración da violencia de xénero como causa e asemade consecuencia da desigualdade de xénero, a discriminación e a violación dos dereitos humanos.

    E fai fincapé, así mesmo, no feito de que «o acoso sexual é unha forma de violencia de xénero e unha forma extrema de discriminación por razón de xénero que afecta de maneira desproporcionada ás mulleres e ás nenas».

    Así, insiste en que o acoso sexual, como outros tipos de violencia, deben considerarse comportamentos ofensivos ou non desexados no posto de traballo e, polo tanto, deben tratarse como un problema de saúde e seguridade e non como un problema individual da vítima.

    Afirma que debemos considerar que non hai ningún ámbito do mercado de traballo ou da vida laboral a cuberto do acoso sexual, se ben varían a súa incidencia e as súas formas de manifestación dependendo tanto do sector como do tipo de traballo; pero sempre está máis presente onde abunda a precariedade. Polo tanto, débese ter en conta que tanto as condicións de traballo como a seguridade laboral e o tipo de traballo son factores de risco na exposición ao acoso sexual no traballo. Na mesma liña, comprende que a negociación colectiva, en particular os convenios colectivos, poden ser unha ferramenta clave na prevención e no combate contra a violencia e o acoso sexual, incluída a violencia de xénero no posto de traballo, o acoso de terceiros e os efectos da violencia doméstica sobre o traballo.

    AXENTES SOCIAIS

    A resolución tamén menciona os interlocutores sociais como clave na abordaxe do acoso no traballo. Destácase o dereito das persoas traballadoras a acceder a apoio sindical en materia de saúde e seguridade no traballo.

    A última parte desta resolución fará referencia ao acoso nas institucións da Unión.

    Aproveitamos a ocasión para lembrar que a Confederación Sindical de CCOO puxo en marcha, o pasado 25 de novembro, unha páxina oficial de denuncia e investigación sobre o acoso sexual no ámbito laboral.2 Desde aquí invitamos a que a visiten a todas as persoas que teñan interese ou necesidade.

    Grazas á nosa acción sindical, en España e Galicia xa temos unha normativa exixente con respecto á loita fronte ao acoso sexual e por razón de sexo no seo das empresas. Todas as empresas están obrigadas a desenvolver actuacións específicas.

    Máis información no documento anexo a esta nota informativa.