Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 15 Agosto 2025.

Ambulancias en folga os días 6, 7, 19, 20 e 21 de xullo

    Os sindicatos CCOO, UGT, CIG e USO convocan novas xornadas de folga no sector das ambulancias. Os paros serán os días 6, 7, 19, 20 e 21 de xullo. As traballadoras e traballadores aprobaron estas mobilizacións, que se deben á paralización do convenio, ao aumento da carga de traballo e ás condicións en que deben prestar o servizo.

    06/07/2023.
    O sector das ambulancias mobilízase por unhas condicións xustas (6/7/2023)

    O sector das ambulancias mobilízase por unhas condicións xustas (6/7/2023)

    Segundo explican as organizacións sindicais, o incremento da carga de traballo foi «brutal» nestes últimos anos, mais non aumentou na mesma dimensión o número de ambulancias. Ademais, no sector aínda hai empresas onde o persoal debe facer horas extras todos os meses, «sen cobralas ou mal pagadas», apuntan.

    Tamén denuncian que non se respecten nin os descansos nin as vacacións regulamentarias, ou que haxa empresas que non se fagan cargo da desinfección de uniformes —como esixe a lei—, pondo en risco a saúde do persoal e das súas familias.

    Ademais, critican que a «precariedade» dos concursos públicos prexudica o servizo: ambulancias deterioradas, ambulancias e bases sen limpeza e desinfección axeitadas, falta de material e outras cuestións.

    Os sindicatos sinalan directamente a patronal do sector, «que só procura o seu beneficio», pero tamén o Sergas, «porque ten a responsabilidade política e consente o que está acontecendo».