Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 4 Maio 2024.

CCOO presenta en Vigo o libro 'A forza e a firmeza do traballo e a cultura'

    Mañá xoves, 13 de xullo, ás 19:00, o museo MARCO de Vigo acollerá o acto de presentación do libro A forza e a firmeza do traballo e a cultura, editado por CCOO. Este libro recompila «vinte magníficos relatos» que rememoran os feitos da histórica folga que paralizou a comarca viguesa en 1972.

    12/07/2023.
    Cartel anunciador do acto

    Cartel anunciador do acto

    Precisamente, coa edición do libro o sindicato pon o ramo ás conmemoracións iniciadas hai máis dun ano para reivindicar a memoria sindical e a loita obreira medio século despois daquel decisivo conflito.

    Para CCOO, a lembranza «non pode quedar nun simple exercicio de nostalxia, senón que ha ser un instrumento para entender a nosa realidade actual, para proxectar a loita por unhas condicións de traballo xustas, por dereitos políticos e sociais que ninguén nos regalou». Tamén, e especialmente no contexto actual, «para poñer en valor que a democracia, en Galicia e en España, a trouxeron a loita dos traballadores, dos estudantes e a mobilización social».

    Niso se centra este libro, a partir das diferentes perspectivas que achegan dezanove autoras e autores: José G. Barral, Francisco Castro, Manuel da Costa, Montse Fajardo, Santiago Ferragud, Stella Maris González Balbuena, Inma López Silva, Ramón Nicolás, Xabier Paz, Xosé A. Perozo, María Xosé Porteiro, Xavier Queipo, Benxamín Rocha Coladas, Jorge Rodríguez Pérez, Clara do Roxo, Rexina Vega, Benito Pérez Fuentes, Santiago García Cameselle e Eduardo Rodríguez Saiz.

    O acto de presentación será «nun lugar emblemático e cargado de simbolismo»: o MARCO, que antigamente acolleu o cárcere onde estiveron moitos dos represaliados daquel ano 1972. Desde a Unión Comarcal de CCOO de Vigo informan de que «contaremos coa presenza das persoas históricas do sindicato que participaron activamente naquela folga, ás que se lles entregará un agasallo».