Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 17 Xuño 2026.

Convocadas dúas xornadas de folga na liga feminina de fútbol

    Folga convocada por CCOO, UGT, Futpro e Afe, na primeira división feminina de fútbol para as dúas primeiras xornadas da tempada, os días 8 e 15 de setembro, ante o bloqueo na negociación do convenio colectivo

    02/09/2023.
    A Primeira División Nacional de Fútbol Feminino​ é a máxima categoría de fútbol de España | Foto: Pixabay

    A Primeira División Nacional de Fútbol Feminino​ é a máxima categoría de fútbol de España | Foto: Pixabay

    O Primeiro convenio colectivo para as futbolistas que prestan os seus servizos en clubs da primeira división feminina de fútbol foi denunciado e atópase en ultraactividade, polo que se constituíu a comisión negociadora do Segundo convenio colectivo o 21 de xullo de 2022. Desde entón producíronse reunións sen éxito, sen lograr avance ningún.

    Nesta data os sindicatos negociadores —Comisións Obreiras (CCOO), a Asociación de Futbolistas Profesionais (Futpro), a Asociación de Futbolistas Españois (AFE) e a Unión Xeral de Traballadores (UGT)— topáronse cunha postura inmobilista do banco do social e un absoluto bloqueo na negociación do convenio colectivo. A distancia entre as partes negociadoras é tan extrema que resulta imposible continuar co proceso negociador, o que debería facerse desde a boa fe e cun esforzo sincero de achegamento de posicións, algo que non se reflicte cunha única oferta definitiva e inamovible.

    Propostas sindicais

    Convenio colectivo de tres anos de vixencia. Alcanzar o terceiro ano un salario mínimo de 30 000 euros brutos anuais. Suprimir a parcialidade (actualmente é do 75 %). O primeiro punto no que a patronal se mostra inamovible é no do salario mínimo, pois pretende manter o mesmo que no anterior convenio (16 000 € brutos anuais). É dicir, o salario dun convenio que rexe desde o día 1 de xullo de 2019.

    Polo tanto, esta folga promóvese como consecuencia do bloqueo na negociación do convenio colectivo. O obxectivo da folga é alcanzar un acordo e avanzar nas negociacións. Búscase obter un trato xusto e digno para as futbolistas e reducir a fenda salarial. Cabe lembrar que os xogadores masculinos de fútbol profesional teñen por convenio un salario de 182 000 euros anuais.

    Xornadas e horarios da folga

    A folga iniciarase o día 8 de setembro de 2023 ás 00.00 horas e a súa duración comprenderá as dúas primeiras xornadas da competición, isto é:

    1.ª xornada: desde as 00.00 horas do 8/9/2023 ata as 24:00 h do 10/9/2023.

    2.ª xornada: desde as 00.00 horas do 15/9/2023 ata as 24:00 h do 17/9/2023.

    Solicitouse a mediación do Servizo Interconfederal de Mediación e Arbitraxe FSP (SIMA-FSP) tras  se comunicar a declaración de folga ao empresario ou empresarios afectados.