Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 21 Agosto 2025.

O comité de Nueva Pescanova apela á responsabilidade de Abanca para frear o ERE

    O comité de empresa de Nueva Pescanova España da planta de Chapela (Redondela), apela á responsabilidade do principal accionista da compañía, Abanca, para frear o ERE extintivo previsto para cen persoas dun total de 335.

    21/09/2023.
    Sede do Grupo Pescanova | Foto: Pescanova

    Sede do Grupo Pescanova | Foto: Pescanova

    Días atrás emprazaran formalmente a empresa a suspender o ERE para así negociar «fóra de toda situación hostil», unha negociación «de boa fe, interna, sen facer dano á marca». Porén, a compañía respondeu mediante un comunicado rexeitando a oferta, «atrevéndose a indicar que debemos abordar este proceso sen deteriorar o clima social e emprazándonos nunha mesa de negociación». Para o persoal de Nueva Pescanova, «o clima social xa está deteriorado» desde o momento que se presentou o ERE extintivo.

    O comité púxose en contacto con diferentes Administracións públicas —Concello de Vigo e de Redondela, Parlamento de Galicia, Delegación Territorial Xunta de Galicia en Vigo, Autoridade Portuaria e Valedora do Pobo, entre outros— solicitando a súa implicación.

    Para a parte social, o ERE «non é máis que unha medida parcial, pouco imaxinativa e inxusta», e subliñan que os traballadores e as traballadoras «non son os culpables desta situación». Defenden que a empresa debe elaborar un plan de viabilidade «e estar a carón das persoas que levaron a compañía a ser unha marca de referencia».

    Así mesmo, apelan o máximo accionista —Abanca— a facer gala do seu lema, «sentir común», e exercer a súa « responsabilidade con Galicia, co sector pesqueiro e industrial, co Grupo Nueva Pescanova, coas persoas traballadoras e coas súas familias».