Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 4 Abril 2026.

CCOO tacha de «inaceptable» a actitude da patronal do Convenio de comercio papel e artes gráficas

    Na reunión da mesa de negociación do Convenio de comercio papel e artes gráficas, celebrada o 2 de outubro, asistimos a outro acto de total irresponsabilidade protagonizado pola patronal FANDE (empresas distribuidoras de libros, prensa e revistas).

    03/10/2023.

    Na anterior reunión do 12 de setembro, tras varias propostas e contrapropostas de ambas as partes, quedamos en que as patronais valorarían na seguinte reunión a última proposta sindical.

    Proposta sindical presentada o 12 de setembro:

    • Prorrogar o convenio un ano (2023) cunha suba do 4 %, sen que se poida compensar nin absorber.
    • Estudar a modificación da mobilidade funcional entre áreas funcionais para empresas con menos de cinco traballadores/as, pero percibindo un complemento por esa polivalencia.
    • Estudar tamén a incorporación no artigo de vacacións da exclusión co período que coincida coa feira de libros, a condición de que se aboe unha bolsa vacacional. 

     Reunión do 2 de outubro

    Na reunión celebrada o 2 de outubro, máis de 20 días despois de trasladarmos a proposta e despois de dez meses de negociación, FANDE (Federación de Asociacións Nacionais de Distribuidores de Edicións) non só non responde á proposta sindical, senón que tampouco presenta alternativa ningunha.

    Non é responsable nin serio que FANDE e as empresas que representa bloqueen a negociación; impide así que miles de persoas traballadoras deste sector vexan incrementados os seus salarios, malia que os prezos seguen aumentando, e penaliza o poder adquisitivo de todas as persoas traballadoras.

    FANDE foi creada no ano 1979 e conta na actualidade con máis de 150 empresas distribuidoras asociadas de toda España. As empresas integradas en FANDE a través das tres asociacións que forman parte da Federación (ADILE, ANDP e UDNE) dedícanse á distribución por xunto de libros, revistas, diarios e contidos dixitais, e constitúen o elo da cadea comercial que relaciona a editor e punto de venda.

    A Federación de Servizos de CCOO espera que reflexionen e que na reunión prevista para o 26 de outubro se poida avanzar na negociación.