Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 2 Maio 2024.

Xornada formativa sobre os aspectos xurídicos e sindicais do Convenio 190 da OIT

    O vindeiro 24 de novembro, o Sindicato Nacional de CCOO de Galicia organiza a xornada formativa Aspectos xurídicos e sindicais do Convenio 190 da OIT. O dito convenio, que trata da violencia e o acoso no mundo do traballo, foi aprobado no ano 2019 e ratificado polo Estado español en maio de 2022.

    08/11/2023.
    CCOO organiza unha xornada sobre o Convenio 190 da OIT

    CCOO organiza unha xornada sobre o Convenio 190 da OIT

    Nesta xornada intervirán cos seus relatorios Begoña Marugán, adxunta á Secretaría confederal de Mulleres, Igualdade e Condicións de Traballo de CCOO, e Fernando Lousada, maxistrado do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia. Presentará a xornada Mamen Sabio, secretaria de Muller, Igualdade e Políticas LGTBI+ do Sindicato Nacional de CCOO de Galicia.

    Violencia e acoso no mundo do traballo

    A expresión «violencia e acoso» no mundo do traballo designa un conxunto de comportamentos e prácticas inaceptables, ou de ameazas de tales comportamentos e prácticas, xa sexa que se manifesten unha soa vez ou de maneira repetida, que teñan por obxecto, que causen ou sexan susceptibles de causar un dano físico, psicolóxico, sexual ou económico, e inclúe a violencia e o acoso por razón de xénero.

    Tamén designa a violencia e o acoso dirixidos contra as persoas por razón do seu sexo ou xénero, ou que afectan de maneira desproporcionada a persoas dun sexo ou xénero determinado, e inclúe o acoso sexual.

    Este convenio é unha nova ferramenta de actuación fronte a este tipo de condutas. O seu ámbito de aplicación é a protección das persoas traballadoras asalariadas, sexa cal for a súa situación contractual.

    A xornada organizada por CCOO conta co financiamento da Xunta de Galicia ao abeiro dos acordos do diálogo social.