Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 4 Setembro 2025.

CCOO rexeita o «electoralismo» da Xunta e reivindica un sistema «universal, público e gratuíto» de atención á dependencia

    O Sindicato Nacional de CCOO de Galicia rexeita o «electoralismo» da Xunta no complemento de 1200 euros para o Bono residencias e na axuda de 5000 euros para coidado na casa de persoas dependentes. Trátase de dúas medidas anunciadas no debate de política xeral que recentemente pasaron polo Consello Galego de Benestar Social. Desde CCOO critícase este modelo «de caridade» e apóstase por un sistema «universal, público e gratuíto» de atención á dependencia.

    28/11/2023.
    Persoa dependente | Foto: Pixabay

    Persoa dependente | Foto: Pixabay

    A secretaria de Política Social de CCOO, Maica Bouza, sinala que as críticas ao modelo foron compartidas por todos os sindicatos na última reunión do Consello Galego de Benestar Social. Lembra, así mesmo, as eivas que padece Galicia na materia, unha comunidade autónoma con máis de 700.000 persoas maiores de 65 anos e que só dispón de 23.000 prazas residenciais.

    Os datos sinalan que só un 3,3 % da poboación destinataria ten unha praza residencial, moi por baixo do mínimo fixado pola Organización Mundial da Saúde, que recomenda unha cobertura de, polo menos, o 5 %. Ademais, oito de cada dez prazas están en mans privadas, mentres que as públicas (5163) unicamente representan o 22 % das totais. «Por riba —apunta Bouza—, das 3958 prazas residenciais da Xunta de Galicia, o 34 % teñen xestión privada, o que dilúe aínda máis o peso do sector público».

    Para CCOO, «a Xunta non pode falar de universalización na atención á dependencia a través dun bono de 5000 euros, cando non ten en conta nin o grao de dependencia nin o nivel de renda». Non obstante, «parécenos aínda peor o do bono residencia, porque pretenden substituír cun cheque de 1200 euros para ir a un centro privado a necesidade de construír novas residencias públicas».

    «Os nosos maiores precisan unha atención de calidade; non poden ser obxecto dunha ‘campaña de Nadal’ coa que saír do paso e achanzar o camiño para as cada vez máis inminentes eleccións autonómicas», reprocha Maica Bouza.

    Fronte a isto, o modelo que defende Comisións Obreiras implica, por unha banda, destinar estes recursos a servizos para que as persoas maiores poidan estar no seu fogar, «pero atendidas por profesionais, non perpetuando a fenda de xénero nos coidados que prexudica as mulleres». Por outra banda, require construír centros públicos «con xestión tamén pública» para os casos en que as persoas usuarias prefiran a atención residencial.