Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 2 Maio 2024.

A adaptación do Convenio 190 á lexislación española é un reto, pero tamén unha oportunidade

    O Sindicato Nacional de CCOO de Galicia organizou o pasado día 24 de novembro unha xornada sobre a adaptación do Convenio 190 da Organización Internacional do Traballo (OIT) á lexislación española. O dito convenio, que trata da violencia e o acoso no mundo do traballo, foi aprobado no ano 2019 e ratificado polo Estado español en maio de 2022.

    29/11/2023.
    De esquerda a dereita, Fernando Lousada, Mamen Sabio e Begoña Marugán

    De esquerda a dereita, Fernando Lousada, Mamen Sabio e Begoña Marugán

    Nesta xornada interviñeron cos seus relatorios Begoña Marugán, adxunta á Secretaría confederal de Mulleres, Igualdade e Condicións de Traballo de CCOO, e Fernando Lousada, maxistrado do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia. Presentou Mamen Sabio, secretaria de Muller, Igualdade e Políticas LGTBI+ do Sindicato Nacional de CCOO de Galicia.

    A xornada contou co financiamento da Xunta de Galicia ao abeiro dos acordos do diálogo social.

    Violencia e acoso no mundo do traballo

    A expresión «violencia e acoso» no mundo do traballo designa un conxunto de comportamentos e prácticas inaceptables, ou de ameazas de tales comportamentos e prácticas, xa sexa que se manifesten unha soa vez ou de maneira repetida, que teñan por obxecto, que causen ou sexan susceptibles de causar un dano físico, psicolóxico, sexual ou económico, e inclúe a violencia e o acoso por razón de xénero.

    Tamén designa a violencia e o acoso dirixidos contra as persoas por razón do seu sexo ou xénero, ou que afectan de maneira desproporcionada a persoas dun sexo ou xénero determinado, e inclúe o acoso sexual.

    Este convenio é unha nova ferramenta de actuación fronte a este tipo de condutas. O seu ámbito de aplicación é a protección das persoas traballadoras asalariadas, sexa cal for a súa situación contractual.

    Begoña Marugán: «O reto que teñen por diante as RLPT é enorme»

    Segundo a sindicalista, entrevistada para o último número da Galicia Sindical, as representacións legais do persoal (RLPT) «son o primeiro referente das vítimas, son as persoas que van escoitalas e apoialas». Neste contexto, o reto que teñen por diante «é enorme». Para realizaren eficazmente o seu traballo, precisan formación, ferramentas e estratexias, apunta.

    Marugán lembra que o Convenio 190 se complementa coa Recomendación 206, «cuxo artigo 9 sinala como sectores máis expostos á violencia e o acoso, o sector da saúde, a hostalaría, os servizos sociais, os servizos de emerxencia, o traballo doméstico, o transporte, a educación e o lecer; a maioría destes sectores están feminizados». 

    A Recomendación tamén fai referencia a ter en conta «aquelas situacións que, polas súas características, poden ser propicias para estas accións». A modo de exemplo sinala o traballo nocturno ou o traballo que se realiza de maneira illada.

    Por outra banda, o Convenio tamén fala de sancións. Por este motivo, «tamén é preciso prestar atención á categorización das infraccións e das sancións que delas deriven», reflexiona Marugán.

    Fernando Lousada: «A violencia e o acoso no traballo adquire especial gravidade na economía informal»

    Fernando Lousada coida necesaria «unha intervención lexislativa que concrete a regulación, que especifique as obrigas de empresas, sindicatos e poderes públicos, que estableza instrumentos de efectividade, e que responda a variedade de manifestacións das violencias e acosos».

    En opinión do maxistrado, a adaptación da lexislación española ao Convenio «é un bo momento para introducir melloras desde a perspectiva dunha prevención máis axeitada e a reparación, en especial en supostos como as agresións sexuais e os acosos sexuais ao ir ou volver do traballo (acosos in itinere) ou os ciberacosos sexuais en todas as súas manifestacións».

    Alén das oportunidades, tamén hai desafíos, pois o C190 introduce o concepto «mundo do traballo», que «vai máis aló da relación laboral e inclúe a violencia e o acoso que ocorre durante o traballo, en relación co traballo o como resultado do mesmo. Esta amplitude formula retos importantes na loita contra a violencia e o acoso no traballo», explica Lousada.