Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 2 Agosto 2025.

O Concello de Ames e o Sindicato Nacional de CCOO de Galicia homenaxearon a Xan María Castro

    O martes, 5 de decembro, o Concello de Ames, coa colaboración do Sindicato Nacional de CCOO de Galicia, rendeulle unha homenaxe a Xan María Castro Paz. O sindicalista coruñés foi un dos fundadores do sindicato, do que chegou a ser secretario xeral entre os anos 2000 e 2009, amais de presidir durante dez anos a súa Fundación 10 de Marzo. A sala de exposicións do pazo da Peregrina, en Bertamiráns, ateigouse de amigos, compañeiros de militancia e familiares neste acto de lembranza.

    07/12/2023.
    Intervención de Amelia Pérez, secretaria xeral de CCOO

    Intervención de Amelia Pérez, secretaria xeral de CCOO

    Falecido o pasado 5 de novembro, Castro, natural da Coruña, levaba residindo no termo municipal de Ames desde 1997, segundo apuntou o alcalde, Blas García. O rexedor municipal subliñou na súa intervención o «gran labor» do homenaxeado no mundo sindical.

    García apuntou que puido saber dese bo facer de Castro da época en que o actual alcalde amesán traballou con Emilio Pérez Touriño, que pola súa vez tiña unha gran relación con Xan María, «a quen non dubidaba en pedir consello». O primeiro edil de Ames aproveitou para desculpar a ausencia do expresidente, ausente do acto por motivos de saúde.

    «Vivimos momentos en que é moi necesario o traballo sindical», enfatizou García xa contra o final da súa intervención.

    A seguir tomou a palabra a secretaria xeral de CCOO. Amelia Pérez cualificou a Xan María como «un referente» e lamentou que nos últimos anos «fóronsenos destacados militantes e fundadores do sindicato» .

    «Se algo caracterizaba a Xan María era o seu sentido da lealdade cos seus amigos e compañeiros, co seu sindicato e cos principios da organización», subliñou a secretaria xeral. A continuación, dirixíndose aos asistentes, salientou que «os compañeiros e compañeiras de Xan María coinciden en manifestar que agradeceron coñecelo e compartir militancia con el».

    En termos parecidos se expresou o fillo maior do homenaxeado, Yago Castro. «Meu pai era disciplinado, bondadoso e valente», pero «sobre todo, era comunista e de CCOO». Tamén destacou del que era «un ávido lector» e «moi crítico e autocrítico» e que lle gustaba «saber das cousas a partir de todos os puntos de vista para formar a súa propia opinión».

    Ao remate das intervencións, o alcalde entregoulle a Yago Castro un retrato de seu pai realizado por un pintor do veciño concello de Brión. A continuación, os asistentes dirixíronse aos xardíns do pazo, onde se plantou unha árbore en lembranza de Xan María e tamén se descubriu un monólito en memoria do sindicalista e do seu legado.