Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 14 Decembro 2025.

CCOO acompañou os bombeiros dos parques comarcais na súa acampada reivindicativa en Santiago en defensa dos seus dereitos laborais

    Nestas datas, manteñen unha acampada permanente na praza do Obradoiro, mentres as Administracións seguen a dilatar o proceso de negociación. 

    27/12/2023.
    Dirección de CCOO cos Bombeiros Comarcais

    Dirección de CCOO cos Bombeiros Comarcais

    A secretaria xeral do Sindicato Nacional de CCOO de Galicia, Amelia Pérez Álvarez, e o secretario da Federación de Servizos á Cidadanía, José M. Ramos Varela de CCOO, expresáronlles o apoio de CCOO ás reivindicacións do persoal e delegados e delegadas de CCOO dos parques comarcais en folga indefinida desde o 15 de xuño. Nestas festas, manteñen unha acampada na praza de Obradoiro, mentres as Administraccións seguen a dilatar o proceso de negociación. 

    Amelia Pérez e José M. Ramos lembráronlles aos traballadores e traballadoras que «case ningunha loita consegue resultados inmediatos, pero acaban por chegar cando se persevera». Tamén manifestaron o seu agrado porque «con este peche non só están a reivindicar melloras laborais, senón que contribúen a un obxectivo máis ambicioso, compartido por CCOO: a defensa dos servizos públicos». Os sindicalistas lembraron que «son elementos imprescindibles na seguridade pública e que a cidadanía debe dispoñer dun servizo de bombeiro de calidade con persoal suficiente e cunha dotación de medios acorde aos sinistros que atenden, sobre todo cando está en risco a vida das persoas».

    As festas que estamos a celebrar con grandes concentracións de persoas e moitos desprazamentos e actividade comercial e cultural non lles preocupa ás Administracións implicadas, Xunta de Galicia e Deputacións, que a piques de rematar o ano seguen sen chegar a un acordo que resolva a conflitividade nestes servizos, obviando o peche de parques de bombeiros e expoñendo a cidadanía a un risco evidente do que os únicos responsables son os Gobernos con competencias nesta materia.

    O colectivo, apoiado polos sindicatos CCOO, CIG, UGT, USO, CSIF e SIBGAL, esixe o cumprimento dunha sentenza do Tribunal Supremo, emitida no 2022, para converter en persoal laboral fixo os efectivos. Ao mesmo tempo, reclaman un convenio galego coas mesmas condicións para os traballadores dos parques e maior dotación de persoal e medios.