Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 6 Maio 2024.

CCOO convoca unha concentración o 8 de xaneiro na empresa CIBERNOS BPO na Coruña

    Esta mobilización é para denunciar a deterioración das condicións e relacións laborais na empresa.

    04/01/2024.
    CCOO CIBERNOS BPO A CORUÑA

    CCOO CIBERNOS BPO A CORUÑA

    A Federación de Servizos de CCOO-Galicia convoca unha concentración o 8 de xaneiro na empresa CIBERNOS BPO, en horario de 11.30 a 12.30, diante das súas instalacións no Polígono da Grela, rúa Newton 1-3, A Coruña.

    A empresa CIBERNOS BPO dedícase á prestación de servizos de centros de chamadas cuxo principal cliente é a galega R Telecomunicacións (grupo MasMovil); así mesmo, presta servizos a outras empresas do grupo, como Virgin Teleco.

    Esta convocatoria de concentración enmárcase nas distintas accións, tanto legais como sindicais, que o sindicato se viu obrigado a emprender para denunciar a deterioración das condicións e relacións laborais na empresa.

    Desde hai tempo vénse denunciando ante inspección de traballo e os xulgados a limitación que a empresa tenta impoñer en materias como a conciliación da vida laboral e familiar, así como no gozo de permisos retribuídos para o coidado de familiares enfermos ou hospitalizados e o incumprimentos de acordos asinados coa RLPT.

    Así mesmo, denúnciase o intento de limitar o dereito á acción sindical por parte da empresa ao sancionar a tres delegadas sindicais de CCOO por utilizaren o seu crédito sindical, feitos que tamén foron denunciados ante os xulgados. A isto súmase a práctica inexistencia de comunicación da empresa coa RLPT,  co que incumpre constantemente o seu deber de información e consulta.