Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 29 Abril 2024.

CCOO asina o V Pacto Local polo Emprego en Santiago

    A Unión Intercomarcal Santiago-Barbanza de CCOO asinou hoxe o V Pacto Local polo Emprego 2024-2027, que inclúe 78 metas en materias como a transición ecolóxica, a industria, as políticas de igualdade ou o emprego xuvenil, entre outras.

    28/02/2024.
    Entidades que asinaron o pacto. Terceiro pola esquerda, Joaquín García, secretario xeral da Unión Intercomarcal de CCOO de Santiago-Barbanza

    Entidades que asinaron o pacto. Terceiro pola esquerda, Joaquín García, secretario xeral da Unión Intercomarcal de CCOO de Santiago-Barbanza

    Este novo pacto pon o acento en cuestións que hai vinte anos —o primeiro pacto data do 2006— se consideraban secundarias e hoxe en día están no centro das reivindicacións, como a conciliación, a sustentabilidade ou a economía verde, salienta o Concello de Santiago.

    A metodoloxía empregada para a elaboración do pacto partiu dunha análise da situación da realidade e a problemática do mercado de traballo en Santiago. Par aiso, analizáronse diferentes indicadores de contexto sociodemográfico, así como da dinámica do mercado de traballo local, permitindo realizar un diagnóstico da situación actual e identificar os colectivos máis vulnerables canto ao acceso e mantemento do emprego.

    Para a definición do conxunto do pacto, das súas medidas e dos obxectivos estratéxicos, seguiuse un modelo participativo, proceso no cal CCOO realizou numerosas achegas.

    Canda Comisións Obreiras asinan o pacto a UGT —únicos sindicatos que os subscriben—, a Universidade de Santiago de Compostela, a Cámara de Comercio, a Asociación Empresarial do Tambre, Asociación Hostelería Compostela, Hostalaria.gal e a Asociación Plataforma polo Emprego.