Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 5 Maio 2024.

28 de abril: Día Mundial da Seguridade e a Saúde no Traballo

A crise climática: un importante risco para a seguridade e a saúde no traballo

    23/04/2024.
    A crise climática é un importante risco laboral

    A crise climática é un importante risco laboral

    A humanidade está a experimentar profundas transformacións que xa ninguén pode negar nesta segunda década do século XXI e que están impactando na nosa forma de vivir, no mundo do traballo e na saúde da clase traballadora.

    O envellecemento da poboación nas sociedades occidentais móstranos unha forza do traballo cada vez máis maior, cunha prolongación significativa da vida laboral, con problemas para adaptarse ao incremento da carga de traballo en moitos sectores e con dificultades para reincorporarse ao traballo logo dunha baixa por motivos de saúde. Doutra banda, entre as persoas máis novas séguense rexistrando as maiores incidencias de accidentes de traballo ocorridos durante a xornada laboral. Ante esta nova realidade, a xestión preventiva debe realizarse tendo en conta a idade, entre outras características, e adaptar así o traballo á persoa.

    A dixitalización das actividades produtivas efectuouse na maioría dos casos á custa do emprego, pero tamén da saúde das persoas traballadoras. A prevención de riscos laborais non é un dos insumos que se incorporan na xestión algorítmica da organización do traballo e a economía de plataformas, máis ben ao revés: incorpora elementos que incrementan e xeran riscos, sobre todo na dimensión psicosocial. A monitorización constante, a falta de desconexión, a intensificación do traballo, a redución da autonomía e determinación da persoa traballadora sometida á nova intelixencia artificial acaban provocando serios problemas de saúde física e mental nas traballadoras e traballadores. A epidemia de problemas de saúde mental que aflorou nos últimos tempos non é allea a estes factores laborais. Cómpre que a autoridade laboral controle que se garanta o dereito a ambientes de traballo seguros e saudables.

    Pero se hai unha transición que se está mostrando de xeito máis descarnado nos últimos anos é a medioambiental.

    Os sindicatos vimos alertando desde hai décadas da necesidade de afrontar e intensificar os esforzos para loitar contra o cambio climático e a perda de biodiversidade, así como das consecuencias de non actuar, tanto desde un punto de vista ambiental como económico, social e tamén para a saúde laboral.

    A Organización Mundial da Saúde sinala que 2023 foi testemuña dun «aumento alarmante de desastres relacionados co clima, incluídos incendios forestais, vagas de calor e secas, que provocaron desprazamentos de poboacións, perdas agrícolas e unha maior contaminación do aire. A actual crise climática aumentou significativamente o risco de enfermidades potencialmente mortais como o cólera, a malaria e o dengue».

    Tamén o ano pasado, a Organización Internacional do Traballo avisou de que a crise climática «sen os controis adecuados, pode aumentar o risco de lesións, enfermidades e morte dos traballadores debido ao estrés térmico, os fenómenos meteorolóxicos extremos, a exposición a produtos químicos perigosos, a contaminación atmosférica e as enfermidades infecciosas, entre outros». A OIT, ademais, engadiu que «numerosos efectos sobre a saúde dos traballadores se relacionan co cambio climático, incluíndo lesións, cancro, enfermidades cardiovasculares, afeccións respiratorias e efectos sobre a súa saúde psicosocial».

    Ata hai pouco, había quen consideraba que estes fenómenos ían producirse en latitudes afastadas, pero nos últimos anos puidemos comprobar que España non só non é allea a eles, senón que os informes do Comité de Expertos ante o Cambio Climático da ONU (IPCC) sinalan o noso país como unha das áreas máis vulnerables e onde estes impactos xa están a manifestarse de forma máis virulenta. As vagas de calor dos últimos anos, probablemente «os veráns máis frescos do resto das nosas vidas», cobráronse a vida de traballadoras e traballadores. Isto obríganos como sociedade a converter a seguridade e a saúde no traballo nun dos piares das políticas públicas de adaptación ao cambio climático.

    Polo tanto, débese recorrer ás ferramentas da prevención de riscos laborais para previr a exposición a temperaturas extremas nas empresas, pero sen esquecer outros fenómenos asociados ao cambio climático: fenómenos meteorolóxicos extremos, avance de enfermidades de transmisión por vectores, aumento da exposición á radiación solar.

    O reto de abordar os efectos do cambio climático para a prevención de riscos laborais debe facer parte do debate na mesa de diálogo social sobre saúde e seguridade no traballo, aberta na actualidade entre o Goberno, as patronais e os sindicatos. Pero hai máis materias que deben incorporarse neste ámbito de negociación. Aínda queda moito por recuperar e por mellorar en seguridade e saúde nas empresas, o que require modificacións estruturais na normativa de prevención.

    É intolerable que en 2023 se produciran 624 911 accidentes de traballo con baixa e 721 mortes polo mero feito de ir traballar, moitas delas por causas que facilmente se poden previr, como as caídas en altura, golpes ou atrapamentos e outras como as cardiovasculares, que son escasamente tratadas desde a prevención de riscos laborais e vinculadas coas condicións de traballo e coa calidade da prevención que se fai nas empresas.

    Neste ámbito, CCOO e UGT temos tres obxectivos prioritarios:

    PRIMEIRO. Reforzar a calidade da xestión da prevención nas empresas, a través da súa internalización e revisando e modificando os sistemas de acreditación e control das entidades especializadas como os servizos de prevención, así como reverter as modificacións á LPRL que supuxeron a simplificación das actuacións de prevención de riscos laborais.

    SEGUNDO. Acabar co subrexistro de enfermidades profesionais, empezando polo cancro laboral. En España, estímase que anualmente falecen 8700 homes e 850 mulleres por cancros debidos a exposicións laborais, pero en 2023 só se comunicaron 94 partes de enfermidade profesional por axentes canceríxenos, a maioría por amianto. Para reverter esta situación é imprescindible crear un rexistro nacional de empresas con riscos de exposición a axentes canceríxenos e un rexistro de persoas traballadoras expostas, pendente de desenvolvemento normativo por parte do Goberno desde 1997.

    TERCEIRO. A necesidade de reforzar o marco normativo para a prevención efectiva dos riscos psicosociais, empezando por incluír de forma expresa a obrigatoriedade de facer as avaliacións de riscos ou por incluír as desordes mentais no cadro de enfermidades profesionais e continuando por impulsar, nas institucións europeas, a aprobación dunha directiva de riscos psicosociais que mellore a saúde mental e cardiovascular das persoas traballadoras.

    Hai que revisar a normativa a fondo para integrar a perspectiva de xénero e eliminar as desigualdades, incorporándoa como un dos principios de acción preventiva establecidos pola Lei de prevención de riscos laborais e feminizando o cadro de enfermidades profesionais, engadindo actividades feminizadas para patoloxías xa incluídas e incorporando patoloxías prevalentes en actividades con alta ocupación feminina.

    E todas estas reformas legais deben acompañarse cun pulo ás políticas públicas activas en materia de prevención e un aumento dos recursos económicos e humanos destinados a elas. Non se pode seguir demorando o cumprimento do compromiso de aumentar os cadros de persoal da Inspección de Traballo. E tamén é necesario mellorar as dotacións do Instituto Nacional de Seguridade e Saúde no Traballo e dos institutos autonómicos de prevención de riscos laborais, alí onde existen, e propiciar a súa creación nas CCAA que aínda non os puxeron en marcha. Tampouco imos renunciar a demandar a creación de xulgados especializados en seguridade e saúde no traballo e a potenciar a fiscalía especializada.

    E queremos finalizar cunha lembranza ás vítimas do amianto, que levan esperando a aprobación do real decreto necesario para que entre en vigor a lei que regula o seu fondo de compensación e que acumula máis dun ano de atraso. O RD debe aprobarse con carácter inmediato e cunhas indemnizacións equiparables ás xa existentes para outros colectivos de afectados.

    Un ano máis, desde CCOO e UGT lembramos as vítimas de accidentes de traballo e enfermidades profesionais e as súas familias. Este 28 de abril renovamos o noso compromiso para visibilizar e pór fin a esta eiva e que a seguridade e a saúde no traballo se sitúen no centro das políticas públicas.Seguiremos loitando ata conseguir empregos de calidade e libres de riscos para todos e todas.