Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 8 Maio 2024.

CCOO mobilizouse este venres para defender postos de traballo máis seguros

    Comisións Obreiras concentrou neste venres as súas mobilizacións con motivo do Día Mundial da Seguridade e a Saúde no Traballo, que se conmemora o domingo, 28 de abril. O sindicato realizou asembleas e concentracións ao longo do territorio galego para esixir postos de traballo máis seguros.

    26/04/2024.

    URL | Código para insertar

    En concreto, CCOO realizou concentracións na Coruña, Ferrol, Santiago, Lugo, Ourense, Marín, Vigo e Vilagarcía de Arousa.

    Datos

    Segundo os datos do Ministerio de Traballo, Galicia é a sexta comunidade autónoma con máis accidentes con baixa en xornada laboral. Porén, atendendo á gravidade, é a quinta con máis sinistros con resultado de morte —doce persoas falecidas máis que a comunidade situada no sexto lugar, que rexistrou 38.

    As estatísticas oficiais poñen de manifesto que a precariedade laboral ten relación coa sinistralidade laboral. En proporción, as persoas traballadoras cun contrato temporal sofren máis accidentes ca as que teñen unha relación estable.

    Risco psicosocial

    Por outra banda, os datos do Instituto Galego de Seguridade e Saúde no Traballo (ISSGA) recollen que a principal causa de morte vinculada ao traballo son os infartos e as patoloxías non traumáticas, que representan algo menos da metade —en concreto, 21 dos 50 falecementos en xornada laboral.

    Recentemente, o sindicato denunciou nunha xornada a mediados de abril que os riscos psicosociais poderían estar por detrás de moitos deses falecementos, polo que CCOO apela a vixiar este factor e previlo nos centros de traballo.