Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 7 Novembro 2025.

CCOO fai un chamamento a mobilizarse o Primeiro de Maio en defensa da clase traballadora e da lexitimidade democrática

    O Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia fai un chamamento a mobilizarse o Primeiro de Maio en defensa da clase traballadora e da lexitimidade democrática. Non podemos ficar impasibles por máis tempo cando se poñen en cuestión os elementos máis básicos da convivencia e cando se están a normalizar a mentira, o insulto e a agresión verbal para danar a credibilidade das persoas.

    30/04/2024.
    En defensa da clase traballadora e da lexitimidade democrática

    En defensa da clase traballadora e da lexitimidade democrática

    No sistema democrático español, a representación política outórgase mediante a elección nas urnas; ao igual que a representación sindical. Estas, pola súa vez, deberán chegar aos acordos precisos para conseguir a formación dos gobernos e dos órganos de representación laboral.

    Os últimos comportamentos na política estatal e a degradación da imaxe do presidente do Goberno lévannos tamén a denunciar a constante intervención nos poderes establecidos constitucionalmente. Deses ataques non se salvan outros líderes políticos, sindicais ou sociais, polo simple motivo de cumpriren cos fins que as súas organizacións defenden de acordo con procesos democráticos.

    Non podemos negar que as campañas tenden a baleirarse de contidos programáticos. A propaganda substitúe a proposta e o poder económico outorga a capacidade para facer propaganda. Prodúcese así un ciclo negativo que deteriora a calidade da democracia. As persoas son tratadas como un obxecto de publicidade máis e non como portadoras de opcións para a sociedade. Polo tanto, o debate aberto no país non se pode limitar á continuidade ou non dun presidente do Goberno.

    As conquistas sociais son tales porque requiriron do esforzo de varias xeracións; décadas de loita e compromiso para acadar, un por un, cada avance dos que hoxe en día gozamos. Pero dubidar o máis mínimo na súa defensa pode provocar retrocesos ou danos irreparables. É o pobo o que outorga ou retira a confianza nos seus representantes; é o pobo quen fai ou desfai maiorías en cada proceso electoral. É lícito adoptar unha postura crítica ante as distintas configuracións que pode adoptar unha maioría, pero poñer en dúbida a súa lexitimidade é o mesmo que pretender que o pobo non é abondo maduro como para expresarse nas urnas.

    Por desgraza, hai sectores sociais, políticos e económicos que, en pleno século XXI, son incapaces de comprender que a alternancia é normal e saudable en democracia. Son incapaces de comprender outro xeito de gobernar ou de representar que non sexa o que eles ostenten.

    Como sindicato de clase rexeitamos a normalización da mentira, do insulto e da terxiversación dos feitos para contrapoñer as ideas dos nosos adversarios. O que se acepta no eido político chega, en maior ou menor medida, a todas as capas da sociedade. Incluso o sofren a diario os nosos delegados e delegadas na empresa.

    O Sindicato Nacional de CCOO de Galicia non pode mirar para outro lado cando se están vulnerando as máis elementais regras do xogo democrático para tentar torcer con tácticas espurias o que as urnas decidiron hai poucos meses: a maioría social quere un Goberno no Estado que avance en políticas progresistas que recuperen dereitos e creen outros novos. Pero tampouco podemos perder a perspectiva e obviar que noutros ámbitos sociais se están a producir os mesmos feitos: ataque persoal á representatividade sindical, campañas mediáticas e en redes sociais baseadas en mentiras contra os sindicatos estatais ou simplemente utilizar a influencia política para evitar a diversidade sindical. Defender unha postura desde a perspectiva de supremacía ideolóxica e moral só debilita o sindicalismo de clase e a loita obreira.

    Por este motivo, o próximo Primeiro de Maio debe ser o momento de berrar alto e claro que «o pobo é quen máis ordena», que non imos consentir ningunha operación de derruba dos piares do sistema democrático e que non cederemos un ápice no camiño de seguir avanzando en dereitos e transformar este país.

    A nosa voz como primeira organización social do Estado é a nosa arma contra a inxustiza. Agora é a hora de defendermos os valores democráticos. Non permitiremos que dite o noso futuro quen cre ser mellor por ter unha ideoloxía e non outra; non imos permitir que a crispación debilite a fortaleza da nosa sociedade. Preténdese iso, pero non nos dá a gana.