Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 4 Decembro 2024.

17 de Maio do 2024 - Declaración do Sindicato Nacional de CCOO de Galicia

    O 17 de Maio, Día das Letras Galegas, é unha das datas máis emblemáticas para o pobo galego, xa que conmemora a súa lingua e cultura. Ese emblema tamén o é para o Sindicato Nacional de Comisións Obreiras, que celebra esta relevante efeméride cun compromiso constante co carácter nacional de Galicia. E este ano faino de xeito singular, ao cumprírense o 17 de maio os 45 anos do rexistro dos nosos primeiros estatutos, que desde aquela ata hoxe recollen o carácter do galego como idioma oficial do noso sindicato.

    16/05/2024.
    Extracto dos primeiros estatutos rexistrados do Sindicato Nacional de CCOO de Galicia (17 de maio do 1979)

    Extracto dos primeiros estatutos rexistrados do Sindicato Nacional de CCOO de Galicia (17 de maio do 1979)

    Antes incluso de promulgarse a Constitución española, e non digamos xa o Estatuto de Autonomía de Galicia, as delegadas e delegados do I Congreso Nacional de CCOO de Galicia (Vigo, 2-4 de xuño de 1978) deixaron recollido neses primeiros estatutos da organización:

    «O galego é o idioma oficial do Sindicato Nacional de CCOO de Galicia, garantíndose, así mesmo, a libre expresión en calquera outro idioma por parte dos afiliados».

    Habería que agardar case un ano, ata o 17 de maio de 1979, para o seu rexistro oficial, fito do cal se cumpre este 2024 o 45 aniversario.

    Naqueles tempos, o autogoberno galego aínda daba os primeiros pasos, cunha Xunta preautonómica constituída en abril de 1978, un Estatuto de Autonomía que vería a luz en 1981 e unha Lei de normalización lingüística pola que houbo que agardar ata 1983.

    Foron, polo tanto, pioneiras, aquelas delegadas e delegados das Comisións Obreiras cando tiveron a determinación de ratificar por escrito no máximo documento dunha organización social ese compromiso, aínda vixente, cos elementos que definen a identidade do pobo galego, comezando polo idioma.

    Naqueles estatutos, o Sindicato Nacional de CCOO de Galicia propugnaba xa a «decidida defensa dos intereses de clase de todos os asalariados na nación galega» e a arela de construír unha sociedade «onde desapareza toda forma de explotación e opresión». Tamén o «presuposto fundamental» de «profundar a democracia no funcionamento das institucións políticas, na sociedade e no Estado», convicción de especial interese ante os acontecementos vividos no noso país nos últimos tempos.

    As Comisións Obreiras, xa que logo, beben dunha tradición de defensa do carácter nacional de Galicia, de defensa dos intereses de clase e da eliminación de calquera forma de opresión. Coa lexitimidade que nos dá esta traxectoria, facemos un chamamento ás forzas políticas e sociais de Galicia para reivindicar que o galego sexa elemento de concordia e unidade.

     

    Santiago de Compostela 17 de Maio de 2024