Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 9 Outubro 2024.

Compre dar resposta á desigualdade das mulleres no mercado laboral galego

    O paro rexistrado en xullo, indican que o desemprego redúcese nos homes e sobe nas mulleres. A redución do desemprego masculino (-1,08%) e o incremento do feminino (+0,92%) consolida a fenda das mulleres no desemprego, onde seis de cada dez persoas paradas son mulleres.

    02/08/2024.
    Datos paro xullo 2024

    Datos paro xullo 2024

    Os datos coñecidos hoxe indican que en xullo o paro rexistrado medrou en Galicia en 107 persoas, un 0,09 %, e a afiliación á Seguridade Social, tomando o dato do último día do mes, rexistra unha suba de 3831 afiliados e afiliadas (un 0,35%). Se consideramos os datos da afiliación media mensual, esta sube en 8503 persoas respecto ao mesmo período do mes anterior (un 0,78%). No Estado cae o paro mentres que aquí sobe e a afiliación medra en Galicia tanto en media mensual como a inde mes cando no Estado só medra en media mensual. Os datos amosan dinamismo do mercado laboral respecto a xuño pero son moito peores que hai un ano.

    O dato do paro rexistrado, con 118045 desempregadas e desempregados, segue en mínimos históricos a pesares da suba do mes de xullo. O nivel de emprego, medido en termos de afiliación á Seguridade Social, está a menos de 2000 empregos do máximo histórico acadado no 2008.

    O desemprego redúcese nos homes (528 desempregados menos) e sobe nas mulleres (635 desempregadas máis). A redución do desemprego masculino (-1,08%) que o incremento do feminino (+0,92%) consolida a fenda das mulleres no desemprego, onde seis de cada dez persoas paradas son mulleres.

    O desemprego cae en 28 mozos e mozas menores de 25 anos mentres que entre as persoas maiores desa idade sobe en 135 desempregadas.

    No mes de xullo fixéronse 81604 contratos en Galicia (un 23,14% máis que en xuño). O groso deles son temporais (58781 temporais por 22823 indefinidos).

    Os datos son positivos en canto a que reflicten un aumento da afiliación á Seguridade Social ata case recuperar o máximo histórico do 2008. Compre sinalar que a pesares da reactivación do emprego no último mes, se o comparamos co mesmo mes do ano anterior a situación é peor.

    Os datos son negativos porque medra, aínda que pouco, o desemprego debido a un importante incremento do desemprego feminino que non compensa o emprego masculino creado o que acrecenta a fenda das mulleres no mercado laboral galego. É negativo tamén que o emprego temporal medre un 26,60% mentres que o indefinido o faga nun 15,03%. Como tamén é negativo que se cree emprego en actividades estacionais como a hostalería e se perda nas que deberan impulsar o cambio de modelo produtivo como a educación ou as profesionais, científicas e técnicas.

    Análise por sexos e sectores

    En Galicia están no desemprego 48359 homes (528 menos que en xuño) e 69686 mulleres (635 máis que no mes anterior). Seis de cada dez persoas paradas seguen sendo mulleres a pesares da boa evolución do emprego no último mes o que agrava a súa situación de desigualdade no mercado laboral. Atendendo ás idades, hai 4338 persoas menores de 25 anos inscritas no Servizo Público de Emprego (28 menos ca en xuño) e 113707 maiores desa idade (135 máis).

    O paro diminúe en todos os sectores de actividade agás nos servizos: no primario hai 108 persoas desempregadas menos, na industria 152 e na construción 122; pola contra, no sector servizos hai 483 persoas desempregadas máis. O colectivo sen emprego anterior sobe en 6 persoas.

    Análise da contratación

    En xullo rexistráronse en Galicia 81604 contratos, dos que 58781 foron temporais e 22823 indefinidos. O volume de contratos rexistrados foi superior nun 23,14% aos formalizados no mes precedente: a contratación indefinida sobe nun 15,03% mentres que a temporal o fai nun 26,60%. De cada 10 contratos rexistrados, 3 son indefinidos. No estado son 4 de cada 10.

    Afiliación á Seguridade Social

    Canto á Seguridade Social, cos datos do último día de mes, a afiliación sube en 3831 persoas, ata situarse en 1088806 afiliados e afiliadas, rexistrando un incremento do 0,35 % respecto de do mes anterior.

    A afiliación media mensual aumenta en 8503 persoas, situando o número de persoas traballadoras afiliadas en 1093374. Deste total, 868950 corresponden ao réxime xeral, 206512 ao de autónomos e 18912 ao réxime especial do mar. A afiliación media en Galicia increméntase nun 0,78%.

    Tendo en conta a evolución da afiliación nos réximes xeral e autónomos comprobamos que no mes de xullo as actividades nas que máis emprego se crea son a hostalería (4336 empregos máis), a sanidade (2500) e o comercio (1884). Na educación cae a afiliación en 5466 persoas e nas actividades administrativas pérdense 1586 empregos.

    Prestacións por desemprego

    En xuño cobraron algún tipo de prestación por desemprego 75513 persoas: 33656 prestacións contributivas e 41857 subsidios.

    En relación aos ERTE do mes de xullo, sinalar que o número de traballadores e traballadoras afectados situouse en 630 a final do mes, das cales 478 estaban en ERTE ETOP e 152 en ERTE FORZA MAIOR.