Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 27 Maio 2025.

CCOO coida «imprescindible» actuar sobre a vivenda, «o quinto piar do Estado do benestar»

    O Sindicato Nacional de CCOO de Galicia organizou este luns, 20 de xaneiro, unha xornada para abordar a problemática da vivenda en Galicia e España. Presentou a xornada a secretaria de Emprego e Política Social, Maica Bouza, e tomaron a palabra a presidenta de EAPN-Rede Galega contra a Pobreza, Ana Pardo, e Luis Zarapuz, economista do gabinete económico confederal de CCOO. Pechou este encontro a secretaria xeral do Sindicato Nacional de CCOO de Galicia, Amelia Pérez.

    20/01/2025.
    Xornada de CCOO sobre o dereito á vivenda (20/1/2025)

    Xornada de CCOO sobre o dereito á vivenda (20/1/2025)

    Ao longo das intervencións e do coloquio posterior, debulláronse as causas estruturais da crise da vivenda —especialmente no tocante ao acceso— e avanzáronse propostas para atender as necesidades de todos os colectivos sociais, sobre todo as dos máis vulnerables.

    Na súa intervención, a secretaria xeral de CCOO apelou a que o sindicato lidere este debate social, igual que fixo no pasado con cuestións como a igualdade e o feminismo. «Somos vangarda no discurso da esquerda en materia social», subliñou Amelia Pérez.

    A sindicalista tamén quixo destacar a importancia da vivenda para a clase traballadora, porque o benestar non chega só a través da mellora das condicións salariais, «senón tamén das sociais, onde a vivenda ocupa un lugar moi relevante» —incidiu.

    «Como fixemos coa suba do salario mínimo, en vivenda temos que ollar tamén para os máis vulnerables», afirmou antes de concluír que esta xornada «é un punto e seguido: seguiremos a traballar nesta materia e a mellorar a vida da xente».

    Pola súa parte, a secretaria de Emprego e Política Social puxo o foco na inestabilidade do mercado do alugamento, que puxo en contraposición co traballo sindical para lograr a estabilidade laboral.

    En opinión de Maica Bouza, é necesaria unha maior protesta social. «Cómpre pasar das propostas ás mobilizacións. Non basta con sinalar os problemas: precisamos accións concretas», sintetizou, ao tempo que criticou a postura adoptada en Galicia pola Xunta, «que sistematicamente fai caso omiso da lei estatal de vivenda».

    Por último, puxo de manifesto a necesidade de actuar decontado pois, do contrario, «as xeracións futuras non terán onde vivir», advertiu.

    Mobilizar a vivenda baleira

    Na súa intervención, o economista Luis Zarapuz resumiu que o da vivenda é «un problema de prioridades políticas e económicas, non de falta material de vivenda, porque hainas, pero destínanse a outros obxectivos, como a especular con ela», asegurou.

    «En Galicia hai 500 000 vivendas baleiras e 18 000 de uso turístico que se poderían mobilizar para duplicar a oferta actual», asegurou. Na súa opinión, é «máis realista» mobilizar estas propiedades que agardar pola construción de nova vivenda.

    Neste sentido, criticou a baixa construción de vivendas de protección oficial en Galicia: só 796 no período comprendido entre 2014 e 2023, mentres que en anos precedentes á crise do 2007 chegouse a superar as 2000 e mesmo 3000 por ano.

    Zarapuz tamén alertou do forte incremento do prezo da vivenda na última década. No ámbito estatal, encareceuse o dobre, mentres que os salarios subiron, de media, un 23 % no mesmo tempo. «Esta desproporción fai que as persoas traballadoras dediquen unha porcentaxe cada vez maior dos seus ingresos ao alugueiro ou á hipoteca, en detrimento doutras necesidades básicas», advertiu.

    O economista tamén mencionou a importancia de regular os prezos do alugueiro, así como de investir nun parque público amplo e accesible, ao tempo que criticou os máis de 200 000 millóns de euros que se «malgastaron» nos últimos corenta anos en políticas ineficaces, fundamentalmente en deducións no IRPF.

    Cada vez é máis difícil pagar o alugueiro

    A presidenta de EAPN-Galicia, Ana Pardo, realizou na súa intervención unha radiografía da precariedade habitacional en Galicia. Destacou que as rendas de alugueiro están alcanzando «máximos históricos», o que dificulta o acceso á vivenda, mesmo para persoas con emprego, prexudicando especialmente a mocidade.

    Ademais, nun contexto de incremento xeneralizado dos alugueiros, salientou que «máis do 35 % dos fogares en arrendamento nas cidades galegas destinan máis do 40 % dos seus ingresos ao pagamento da vivenda, o que empurra a moita xente a compartir pisos ou renunciar a outras necesidades básicas».

    Pardo fixo especial fincapé nos colectivos máis vulnerables, como persoas con pensións baixas ou ingresos procedentes da Risga, que se atopan nunha «situación límite», o que tamén se traduce noutros problemas como a pobreza enerxética, o empeoramento da saúde por non poder manter unhas mínimas condicións de habitabilidade ou o illamento social das persoas con mobilidade reducida que non poden asumir obras de accesibilidade.

    Entre os retos pendentes, citou a necesidade de reducir a carga financeira para os fogares, garantir o acceso á vivenda pola vía do alugueiro social, incrementar os complementos do alugueiro na Risga, mobilizar a vivenda baleira ou regular as vivendas de uso turístico, entre outros.