Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 26 Abril 2025.

CCOO celebra que se corrixa a decisión que atrasaba a devolución do exceso de IRPF tributado polos antigos mutualistas

    Comisións Obreiras (CCOO) celebra a decisión anunciada hoxe pola ministra de Facenda, que rectificará a medida incluída no RD Lei 7/2024, do 20 de decembro, que paralizaba a devolución do exceso de IRPF tributado polos antigos mutualistas. O Goberno de España, xa que logo, atende as reclamacións de CCOO, que nos últimos meses despregou unha intensa acción de información e mobilización, paralela aos contactos institucionais. Esta decisión, unha vez se concrete, tamén evitará unha situación discriminatoria respecto daquelas persoas ás que xa se lles reintegraran as contías por este concepto.

    27/03/2025.
    Concentración diante da Delegación do Goberno en Galicia para esixir xustiza na devolución do IRPF dos antigos mutualistas (A Coruña, 20/2/2025)

    Concentración diante da Delegación do Goberno en Galicia para esixir xustiza na devolución do IRPF dos antigos mutualistas (A Coruña, 20/2/2025)

    A rectificación que agora se anuncia recolle a maioría das reclamacións que CCOO lle transmitira ao Ministerio de Facenda a semana pasada, incluído o dereito das persoas afectadas a percibiren xuros polo atraso nas devolucións —algo que xa recomendaba, tamén, o Defensor del Pueblo—, o que agora mesmo sería un incremento do 4,06 %.

    En Galicia son unhas catro mil persoas as afectadas por esta situación, polo que CCOO insta o Goberno a que tramite á maior brevidade o RDL que permita desbloquear as devolucións e pór fin a esta «situación inxusta».

    CCOO congratúlase polo pronunciamento do Ministerio de Facenda e polo «triunfo colectivo» que supón para as persoas pensionistas e xubiladas, que durante meses «lideraron esta importante batalla en defensa dos seus dereitos». En Galicia, o sindicato convocou asembleas informativas en todas as cidades e tamén en grandes vilas, ademais de protagonizar unha gran mobilización o pasado mes de febreiro diante da Delegación do Goberno.