Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 19 Maio 2025.

CCOO acusa a patronal hostaleira de bloquear a negociación dos convenios e de culpar as axudas públicas da falta de persoal

    A Federación de Servizos de CCOO acusa a patronal da hostalaría de bloquear a negociación dos convenios colectivos e de culpar as axudas públicas da falta de persoal que alegan ter. Desde Comisións advirten que as empresas non atoparán traballadoras e traballadores se non se ofertan estabilidade laboral, salarios dignos e condicións que permitan conciliar a vida profesional e familiar.

    16/04/2025.
    Traballador da hostalaría | Foto: picturexphotobnb (Pixabay)

    Traballador da hostalaría | Foto: picturexphotobnb (Pixabay)

    CCOO lamenta que as empresas «teimen en botar balóns fóra» sobre as propias responsabilidades, pois seguen sen recoñecer que a raíz do problema está nas condicións laborais. «É difícil que logren ese obxectivo se o que pretenden é que a xente agarde na casa por unha chamada para acudir só en momentos puntuais», sinalan desde a Federación de Servizos.

    O sindicato considera unha «cegueira empresarial» responsabilizar as axudas económicas ás persoas desempregadas da falta de man de obra. Nese sentido, aseguran que «os profesionais fuxiron deste sector buscando mellores condicións».

    Sen avances nos convenios

    En plena Semana Santa e cada vez máis preto do comezo da campaña do verán, en Galicia hai tres convenios colectivos do sector hostaleiro, que regulan as condicións de máis de 50 000 traballadoras e traballadores, «coas negociacións paralizadas ou a baixo ritmo» pola actitude das empresas.

    Nas mesas de negociación, CCOO propuxo unha batería de medidas para facer máis atractivo o sector, como incrementos salariais en consonancia co custo da vida e cos beneficios rexistrados, xornadas e descansos que garantan a conciliación e o recoñecemento da formación profesional nas escolas de hostalaría.

    Porén, o sindicato denuncia que a única resposta da patronal foi un rotundo «non». «Enfrontamos problemas actuais que requiren solucións do século XXI, pero a patronal segue a aplicar receitas do pasado», conclúe o sindicato, ao tempo que critica que o aumento dos beneficios empresariais non se traslade ás condicións das persoas traballadoras nun sector que ano tras ano bate rexistros de ocupación.