Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 19 Maio 2025.

Prevención e protección da saúde da clase traballadora fronte aos novos retos dixitais e psicosociais

    No Día Mundial da Seguridade e a Saúde no Traballo, CCOO e UGT reafirmamos o noso compromiso coa defensa da seguridade e a saúde das persoas traballadoras e mais de espazos seguros e saudables como dereito fundamental. 

    21/04/2025.
    28 de abril do 2025. Día Mundial da Seguridade e a Saúde no Traballo

    28 de abril do 2025. Día Mundial da Seguridade e a Saúde no Traballo

    O 28 de abril é unha data de lembranza de todas aquelas persoas que perderon a saúde ou a vida no traballo, pero tamén é unha xornada de reivindicación e demanda á sociedade de máis atención ante este problema.

    En 2024 producíronse en Galicia un total de 27 146 accidentes de traballo con baixa laboral; no conxunto do Estado foron 628 300 accidentes. Faleceron 58 persoas en Galicia a causa de accidentes laborais, foron 8 máis ca no 2023, o que supón un preocupante incremento do 16 %; no Estado foron 796, cumpríndose así as estimacións de incremento dos accidentes mortais que faciamos desde os sindicatos.

    As persoas traballadoras temos dereito a volver á casa sas e salvas despois da xornada laboral. Non estamos reclamando compromisos inalcanzables, unicamente aplicar o dereito a que se garanta a nosa seguridade e saúde no traballo. Por iso, desde CCOO e UGT seguimos esixindo que se establezan as medidas necesarias para acabar con esta insoportable sinistralidade laboral de forma eficaz e inmediata, o que depende, necesariamente, de modificar e modernizar a lei e de negociar e articular un plan de choque contra a sinistralidade laboral. Os accidentes de traballo, amais de suporen un drama persoal e familiar, demostran que as condicións de traballo son inseguras e inxustas.

    Tampouco esquecemos as vítimas do amianto, que están sufrindo unha situación realmente inxusta xa que, logo de máis de dous anos da creación do fondo de compensación para as vítimas deste axente canceríxeno, aínda non se aprobou o regulamento necesario para poñelo en funcionamento. Desde CCOO e UGT consideramos intolerable este atraso e instamos o Goberno a que desbloquee axiña esta situación, concedendo unhas indemnizacións adecuadas e exentas de tributación do IRPF, como xa se fai con outros colectivos.

    A realidade está marcada por un desenvolvemento económico e produtivo en plena transformación, que supón cambios moi rápidos no traballo, pero tamén nos riscos asociados a el. A revolución tecnolóxica, os efectos do cambio climático, o impacto do traballo na saúde mental e a lonxevidade da poboación activa supoñen desafíos importantes para a seguridade e a saúde no traballo. Por iso desde CCOO e UGT consideramos urxente a actualización da normativa preventiva e instamos o Goberno a que intensifique as negociacións iniciadas na mesa de diálogo social hai máis dun ano.

    Desde CCOO e UGT Galicia apostamos por unha saúde laboral inclusiva e reivindicamos a incorporación urxente da perspectiva de xénero na seguridade e a saúde no traballo, converténdoa nun principio de acción preventiva recollido especificamente na necesaria reforma da lei de prevención de riscos laborais. 

    Cómpre realizar unha profunda análise das causas subxacentes asociadas á elevada taxa de enfermidades profesionais non rexistradas naqueles sectores máis feminizados, e unir esta demanda específica de abordaxe desta problemática desde a perspectiva de xénero á que vimos realizando sobre a imperante necesidade de actualizar a listaxe de enfermidades profesionais (proposta de modificación do RD 1299/2006 de Cadro de enfermidades profesionais no sistema da seguridade social), pois todos os estudos ao respecto demostran que segue sendo, como a medicina en xeral, tremendamente androcéntrica. 

    Hai que romper con ese nesgo de androcentrismo para reducir a sinistralidade e a falsa cantidade de «enfermidades comúns» rexistradas para mulleres ao longo destes anos, pois, co tempo, probouse que son profesionais pero están invisibilizadas debido á escasa abordaxe da saúde feminina.

    Nas análises e investigacións referidas á saúde laboral, non só debe existir unha incorporación efectiva da perspectiva de xénero, senón tamén a da diversidade de persoas LGTBI+; ambas son imprescindibles para inserir a necesaria diferencialidade con que homes, mulleres e persoas LGTBI+ se ven ou se poden ver afectadas polo traballo ou por razón do traballo no seu estado de saúde ou con respecto á posible sinistralidade devida dese traballo.

    Instamos a Mesa de Diálogo Social sobre seguridade e saúde no traballo para que teña en conta, nas súas conclusións e propostas, as especificidades de mulleres e persoas LGTBI+, e así se poida visibilizar, tanto técnica como politicamente, a diferenciación que se dá ou pode darse na afectación do traballo sobre a saúde de todas as persoas.

    Hai que cambiar a organización preventiva na empresa para acadar unha maior integración da prevención dos riscos laborais, avanzar na calidade dos servizos de prevención e mellorar a protección da saúde mental das persoas traballadoras, reforzando a prevención dos riscos psicosociais, mais tamén acometer a diversidade, incluída a xeracional, e a perspectiva de xénero na xestión preventiva. Ademais, cómpre mellorar as condicións de seguridade e saúde no traballo nas pemes mediante o reforzo da xestión preventiva; nisto é esencial contar coa participación das persoas traballadoras, para que o centro de traballo sexa un lugar sen riscos.

    Na modificación da normativa debe facerse explícita a obriga empresarial de avaliar e adoptar medidas que protexan a saúde mental das persoas traballadoras, tendo ademais en conta a transformación dixital e o impacto das novas formas de organización do traballo.

    O desenvolvemento tecnolóxico, coa dixitalización, a robotización ou a utilización da intelixencia artificial, presenta oportunidades desde a óptica da prevención de riscos laborais, pero fundamentalmente suscita novos retos que hai que acometer.

    Trataríase de aproveitar a oportunidade da dixitalización para crear lugares de traballo máis seguros coa automatización de tarefas perigosas, a mitigación do traballo monótono ou a utilización da IA para previr accidentes mediante a análise de datos en tempo real que detecten fallos en máquinas ou o empeoramento das condicións ambientais; evitaríanse así os riscos que puideren engadir e que habitualmente non se teñen en conta.

    Ten especial relevancia que a dixitalización e a intelixencia artificial no traballo están incrementado a exposición a riscos psicosociais como consecuencia da intensificación do traballo, a falta de desconexión, a monitorización e vixilancia constante ou a redución da autonomía para realizar pausas ou descansos. O seu impacto na saúde mental das persoas traballadoras é evidente.

    Desde CCOO e UGT vemos necesario que se garanta un punto de encontro entre a innovación no mercado de traballo e a seguridade e a saúde das persoas traballadoras. Por iso deben establecerse marcos reguladores xustos e éticos que protexan os dereitos da clase traballadora, tanto no deseño como na implementación destas ferramentas e impulsen unha formación de calidade en novas tecnoloxías que permita coñecer os seus riscos asociados e as formas seguras de utilización.

    Os sindicatos somos cruciais na xestión do cambio que traen da man a dixitalización e a IA. Deben respectarse os dereitos sindicais da negociación colectiva e o diálogo social e fortalecer unha democracia no lugar de traballo que impulse cambios tecnolóxicos beneficiosos para todos. Garantir a participación activa dos sindicatos nesta transformación permitiranos crear un futuro do traballo inclusivo e equitativo.

    É urxente recuperar o pulo das políticas públicas en materia de seguridade e saúde no traballo e aumentar os recursos da Inspección de Traballo, do Instituto Nacional de Seguridade e Saúde no Traballo e de todas as estruturas autonómicas de prevención de riscos laborais, así como a creación de xulgados especializados na materia.

    Por último, queremos seguir manifestando o noso apoio, compromiso e recoñecemento ao labor dos delegados e delegadas de prevención, agradecéndolles a súa dedicación para conseguir que os centros de traballo sexan máis seguros. E facemos un chamamento ás traballadoras e traballadores para que participen nos diferentes actos convocados con motivo da conmemoración do 28 de abril, para conseguir visibilizar o drama da sinistralidade laboral, a falta de cumprimento da normativa en materia de prevención de riscos laborais por parte das empresas e a necesidade de actualizar a normativa para dar resposta aos novos retos do mundo do traballo.