Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 19 Maio 2025.

Milleiros de persoas mobilizáronse este Primeiro de Maio nas rúas de toda Galicia

    Baixo o lema «Protexer o conquistado, gañar futuro», milleiros de galegas e galegos saíron ás rúas o Primeiro de Maio en todo o país, secundando as convocatorias de CCOO e UGT. Os sindicatos apostaron por converter esta data nunha gran mobilización pola democracia, a liberdade e os dereitos laborais, co foco posto na defensa dos avances acadados e na loita por melloras pendentes.

    02/05/2025.

    URL | C�digo para insertar

    Vigo acolleu o acto central, unha multitudinaria manifestación que contou coa presenza da secretaria xeral de Comisións Obreiras, Amelia Pérez, e do seu hómologo da UGT, Cristóbal Medeiros.

    Entre as principais demandas destacaron a redución da xornada laboral a 37,5 horas semanais sen perda salarial, como paso cara ás 32 horas, e a reforma normativa do despedimento, para recuperar indemnizacións disuasorias e os salarios de tramitación. Reclaman tamén un plan de choque contra a sinistralidade laboral e políticas activas de emprego máis eficaces, especialmente dirixidas ás persoas en paro de longa duración e ás mulleres, que seguen a sufrir maiores taxas de desemprego.

    A mobilización tamén serviu para denunciar a precariedade no acceso á vivenda, esixindo solucións urxentes e eficaces, e para lembrar os dereitos das persoas migrantes, fronte ao auxe dos discursos xenófobos. Os sindicatos alertaron contra o retroceso social promovido polas extremas dereitas e instaron a fortalecer o proxecto europeo como garante de democracia e convivencia.

    A secretaria xerla de CCOO destacou que é o momento de avanzar cara a unha redución da xornada laboral a 37,5 horas sen perda salarial, co obxectivo final das 32 horas semanais. «Hai que repartir mellor o tempo e a riqueza, favorecendo a conciliación, a saúde laboral e a creación de emprego digno».

    Amelia Pérez insistiu tamén na necesidade de continuar o camiño de subas do salario mínimo para recuperar poder adquisitivo. Na súa opinión, «a riqueza non pode quedar só nas marxes empresariais. A clase traballadora merece avances reais e palpables».

    Ademais de Vigo, CCOO tamén se mobilizou na Coruña, Viveiro, Lugo, Ferrol, Santiago de Compostela, Ourense, Vilagarcía de Arousa e Pontevedra.