Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 15 Xuño 2025.

O persoal de limpeza do Hospital Clínico de Santiago séguese mobilizando contra os abusos da empresa

    Segundo día de mobilización das traballadoras e traballadores de limpeza do Complexo Hospitalario de Santiago de Compostela (CHUS) contra os abusos laborais de Ilunion. O persoal protagonizou o xoves, 22 de maio, a súa segunda concentración consecutiva para denunciar a «situación límite» que están a vivir por mor dos incumprimentos reiterados da empresa concesionaria.

    23/05/2025.
    Concentración do persoal de limpeza do Hospital Clínico de Santiago (22/5/2025)

    Concentración do persoal de limpeza do Hospital Clínico de Santiago (22/5/2025)

    A mobilización, que tivo lugar ás 19:00 horas na entrada principal do CHUS, reuniu un importante número de profesionais que esixiron respecto polos seus dereitos e condicións laborais dignas.

    Entre os incumprimentos que enumeran están os acordos sobre vacacións, sobrecarga de traballo ou falta de seguridade e hixiene nos vestiarios. Asemade, critican a vulneración «sistemática» do convenio colectivo, como no tocante á ausencia de convocatoria de prazas, atrasos e impagos da carreira profesional ou denegación arbitraria de licenzas retribuídas.

    Por outra banda, o comité de empresa denunciou publicamente que Ilunion enviou un correo en que supedita a súa asistencia a unha mediación extraxudicial —AGA— a que se paralizasen as mobilizacións. Unha «chantaxe inaceptable» —sinalan— que reflicte o «talante autoritario e o desprezo polos dereitos laborais que sofre este colectivo».

    Mentres non se solucione o conflito, o persoal seguirá coas mobilizacións. Xa están convocadas novas concentracións para o martes, 27 de maio, ás 19 horas, e o mércores, día 28, ás 9 da mañá.