Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 15 Xuño 2025.

Acordo histórico na Inspección de Pesca tras case tres meses de folga: recoñecemento profesional e melloras salariais

    Tras case tres meses de folga e mobilizacións, CCOO logrou un acordo histórico co Goberno central que permite desconvocar os paros na Inspección de Pesca Marítima. O pacto supón un «recoñecemento sen precedentes» ao labor «esencial» do persoal inspector e dá resposta ás principais reivindicacións do colectivo, entre elas a mellora das condicións salariais e laborais, a regulación específica dos horarios e a creación dunha escala profesional propia. Desde o sindicato salientan que a perseveranza e unidade do colectivo foi «clave» para chegar este resultado.

    23/05/2025.
    Protesta en Vigo do persoal de Inspección de Pesca, diante das oficinas da Axencia Europea de Control de Pesca (5/3/2025)

    Protesta en Vigo do persoal de Inspección de Pesca, diante das oficinas da Axencia Europea de Control de Pesca (5/3/2025)

    Durante oitenta días, os inspectores e inspectoras de pesca «demostraron que a mobilización é unha ferramenta imprescindible para avanzar cara a condicións laborais dignas», apuntan desde CCOO. Engaden que tamén se acordou repartir de maneira proporcional a produtividade dos meses de abril e maio entre todo o persoal, incluídas as persoas que secundaron a folga.

    A reunión definitiva do comité de folga tivo lugar esta mesma semana. CCOO aceptou a proposta trasladada polo Ministerio de Política Territorial, tras incorporar varias achegas e aclaracións formuladas polo sindicato. Esta proposta senta as bases para un novo marco profesional que inclúe melloras retributivas —como compensacións por horarios especiais, unha nova produtividade por obxectivos e a recuperación do poder adquisitivo perdido desde 2010—, así como compromisos sobre a posibilidade de xubilación anticipada, a revisión da relación de postos de traballo (RPT) e unha promoción profesional real.

    Nova escala profesional

    A creación da nova escala de inspectores e inspectoras de pesca marítima do Estado é, sen dúbida, unha das grandes novidades do acordo. Para Sandra González, inspectora de pesca en Galicia, esta medida «dálle identidade de seu á nosa profesión, xa que estabamos integradas canda outros colectivos moi diferentes». Asegura que este recoñecemento profesional non só responde a unha demanda histórica, senón que permitirá avanzar noutras cuestións clave como a aplicación de coeficientes redutores para a xubilación anticipada ou a mellora dos aspectos salariais.

    Un de cada catro traballa en Galicia

    O colectivo está formado por máis dun cento de profesionais en todo o Estado. Deste total, case a cuarta parte —unha trintena— traballa en Galicia. Desenvolven un labor fundamental para garantir o cumprimento das normativas estatais e europeas e combater o intrusismo de frotas que operan sen respecto polos recursos mariños.

    CCOO levaba anos denunciando as precarias condicións laborais destes profesionais, exixindo, entre outras medidas, o recoñecemento dos horarios especiais, unha instrución que regule o seu traballo segundo a realidade do sector, unha avaliación de riscos axeitada e unha formación continua de calidade.

    Comisións Obreiras estará vixiante

    «A folga desconvócase tras unha proposta do Ministerio que consideramos que camiña na dirección axeitada», engade Sandra González. «Agora queda que, nas mesas de negociación, esas boas intencións se traduzan en acordos concretos. Estaremos vixiantes».

    Desde CCOO, conclúen que este acordo representa un punto de inflexión para a Inspección de Pesca e senta un precedente relevante no ámbito da función pública. Comprométense a seguir traballando para que os compromisos adquiridos se cumpran nos prazos establecidos e advirten de que o colectivo «está preparado para mobilizarse de novo», se fose necesario, «coa mesma determinación e unidade demostrada durante esta folga».