Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 15 Xuño 2025.

Desconvocada a folga en Urbaser-Santiago grazas á presión e a unidade do persoal

    A unidade do persoal e a súa participación nas mobilizacións foron «determinantes», en opinión de CCOO, para chegar a un acordo que permitiu desconvocar a folga indefinida en Urbaser-Santiago. O pacto foi asinado o 24 de maio entre a concesionaria da limpeza viaria e o comité de empresa, integrado por CCOO, CIG e STL.

    26/05/2025.
    Mobilización do persoal de Urbaser-Santiago (23/5/2025)

    Mobilización do persoal de Urbaser-Santiago (23/5/2025)

    CCOO-Hábitat considera positivo este avance, que supón unha mellora real nas condicións de traballo do persoal e evita un conflito laboral de maior alcance. Este acordo chega tras intensas negociacións e despois dunha multitudinaria manifestación o día anterior, que demostrou a forza colectiva dos traballadores e traballadoras.

    O convenio colectivo terá unha vixencia de dous anos, comprendendo os exercicios 2025 e 2026, o que proporciona estabilidade normativa e marcos claros para o persoal. Así mesmo, establécese unha suba salarial do 2,25 % para todos os conceptos en 2025, con outro incremento do 2,25 % en 2026. Este aumento busca preservar o poder adquisitivo das traballadoras e traballadores fronte á evolución do custo da vida.

    Por outra banda, mellóranse as condicións de contratación e promoción interna, así como a distribución da xornada laboral e a dotación de roupa de traballo. Entre outras medidas, regúlanse criterios de antigüidade para acceder a prazas fixas ou de condutor/a e engádense pezas á uniformidade de verán e inverno.

    No capítulo social, introdúcense mecanismos que favorecen a conciliación e inclúense seis días adicionais de asuntos propios ao ano, que se poderán acumular durante un máximo de dous exercicios, cun límite de uso anual de catro días por persoa en función da súa quenda. Esta medida responde a unha demanda reiterada do persoal en materia de conciliación.

    Tamén se recoñece formalmente a antigüidade como criterio para cubrir vacantes de condutor/a, o que garante obxectividade e igualdade de oportunidades na promoción profesional dentro da empresa.

    Por último, o acordo inclúe tamén unha medida específica para o persoal adscrito aos servizos coñecidos como limpeza urxente (Selursa) e «quita e pon» —sistema de illas para o recollido domiciliario—. Estas persoas estarán exentas de realizar a quenda de noite os días 24 e 31 de decembro, recoñecendo así o esforzo adicional que asumen nesas datas.