Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 14 Xuño 2025.

O TACGal dálle a razón a CCOO e anula os pregos da axuda no fogar de Vigo por non garantiren os dereitos laborais

    O Tribunal Administrativo de Contratación Pública da Comunidade Autónoma de Galicia (TACGal) vén de estimar o recurso presentado por CCOO-Hábitat contra os pregos da licitación do servizo de axuda no fogar (SAF) do Concello de Vigo. A resolución do tribunal supón a anulación da licitación, por importe de case 89 millóns de euros, ao considerar que se incumpriron os principios de legalidade, transparencia e responsabilidade social.

    06/06/2025.
    O Tribunal dálle a razón a CCOO e anula os pregos da licitación do SAF de Vigo

    O Tribunal dálle a razón a CCOO e anula os pregos da licitación do SAF de Vigo

    O tribunal dálle a razón ao sindicato, que denunciara a falta dun cálculo desagregado dos custos salariais e doutros custos directos e indirectos, tal e como obriga a Lei de contratos do sector público. O Concello non xustificou os soldos por categoría profesional, non explicou como se calcularon os custos e mesmo confundiu os importes de subrogación co orzamento salarial da nova licitación.

    Vulneración da normativa vixente

    Esta falta de transparencia impedía garantir os dereitos laborais das traballadoras, abría a porta a licitacións por debaixo dos convenios colectivos e poñía en risco tanto a calidade do servizo como a estabilidade do persoal. O TACGal conclúe que o procedemento vulneraba a normativa vixente e ordena modificar os pregos.

    Desde CCOO-Hábitat valórase esta decisión como unha vitoria xurídica e sindical. «Os servizos públicos non poden licitarse en fraude, sen garantir os dereitos laborais e o cumprimento dos convenios colectivos», sinala a súa secretaria xeral, Alejandra Gesto.

    O sindicato reclama agora que o Concello de Vigo refaga os pregos conforme á legalidade, garantindo transparencia e respecto ás condicións laborais. Así mesmo, esixe que se «deixe de precarizar un servizo esencial prestado maioritariamente por mulleres».