Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 15 Xuño 2025.

Galicia mobilízase o 14 de xuño contra o xenocidio en Gaza

    O vindeiro sábado, 14 de xuño, diversas cidades galegas acollerán concentracións no marco do Día Nacional para a Fin do Xenocidio, unha xornada de mobilización convocada pola plataforma PararLaGuerra.es para reclamar o cesamento inmediato das hostilidades en Palestina e unha paz xusta para o pobo gazatí.

    12/06/2025.
    Concentracións este sábado, 14 de xuño, para reclamar a fin do xenocidio

    Concentracións este sábado, 14 de xuño, para reclamar a fin do xenocidio

    As protestas, que terán lugar ás 12.00 horas de xeito simultáneo en diferentes puntos do Estado, procuran canalizar a indignación social ante a masacre perpetrada polo goberno israelí contra a poboación civil de Gaza. Segundo a organización convocante, trátase dun xenocidio planificado que procura a limpeza étnica e o exterminio de máis de dous millóns de persoas, a metade delas menores.

    O recente colapso do alto o fogo, o pasado 18 de marzo, agravou unha situación xa insostible. Os ataques indiscriminados contra hospitais, escolas, vivendas, campos de cultivo ou infraestruturas básicas deixan a franxa de Gaza nun estado de destrución extrema e insostible, agravado por un asedio que empurra a poboación á fame absoluta. A ONU advirte que 14.000 bebés poderían morrer se a axuda humanitaria non chega a tempo.

    CCOO apoia a convocatoria e fai un chamamento á sociedade galega para participar activamente nesta xornada de loita pacífica e solidaria, cunha mensaxe clara: «Alto o fogo definitivo. Nin terrorismo nin xenocidio». As concentracións servirán tamén para homenaxear o labor do xornalismo en Gaza, lembrando as persoas profesionais da información que foron asasinadas, feridas ou detidas, así como aquelas que seguen a dar testemuño malia poñer en risco a súa vida.

    Convocatorias en Galicia — Sábado, 14 de xuño, ás 12:00

    — A Coruña: praza do Obelisco

    — Ferrol: praza de Armas

    — Irixoa: diante do Concello

    — Lugo: diante da Subdelegación do Goberno

    — Melide: praza Rosalía de Castro

    — Monforte de Lemos: praza de España

    — O Barco de Valdeorras: praza do Concello

    — Ourense: Subdelegación do Goberno

    — Pontevedra: praza da Ferrería

    — Redondela: diante do Concello

    — Santiago: praza do Toural

    — Tui: praza da Inmaculada

    — Vigo: Marco (rúa do Príncipe)

    — Vilagarcía: praza de Galicia

    — Xinzo: praza Carlos Casares

    Ligazóns relacionadas
    Ligazóns relacionadas